Melloras en Santa María de Xeve e suxestións da veciñanza

73

A concelleira delegada de Santa María de Xeve, Pilar Comesaña, reuniu ao Consello parroquial para lles informar das actuacións que acometerá o Concello de xeito inmediato na zona e para recoller novas suxestións dos representantes dos veciños. “Son unha veciñanza moi participativa, moi preocupada, que sempre fan suxestións moi razoables co fin de mellorar a vida na parroquia” subliña Pilar Comesaña que amosa o seu agradecemento pola colaboración.

Na xuntanza estaban representantes da Asociación de veciños Os Tres Pinos, das comunidades de augas da Igrexa e dos Fontás, de comunidade de montes de Xeve, da Asociación cultura Sondexeve e do club deportivo CF Gondar.

Na relación de actuacións inmediatas presentada pola concelleira atópanse o arranxo e acondicionamento do campo de fútbol e o acondicionamento do tramo do sendeiro que vai dende a Illa de Couso até O Pontillón e que inclúe reposición do firme, sinalización, de tramos de madeira e unhas pequenas escaleiras.

O Concello tamén asume unha serie de obras pequenas: arranxos na zona da Costiña, nunha pequena pista nos Fontáns, o tapado das fochancas do camiño que vai a Maunzo e a colocación dunha arqueta nova na área recreativa.

A concelleira de Santa María de Xeve informoulles que o Concello está a traballar na elaboración dun proxecto para o arranxo integral do camiño que leva a Maunzo con asfaltado e cunetas para a recollida das augas. E tamén convidou a todos a participar o próximo 17 de marzo (ás 20.30 horas) na charla informativa que haberá no antigo Concello sobre o viño da IXP (Indicación Xeográfica Protexida).

Pola súa banda os representantes veciñais tomaron a palabra co fin de expoñer as súas peticións. A concelleira tomou nota de todas elas e comprometeuse a avaliar a súa viabilidade. Foron as seguintes:

. Ensanche da pista de Deputación, que pasa por diante do antigo Concello. Unha petición que se vai atender, contestou no momento a concelleira quen engadiu que se fará nos tramos que se poda e se construirán as cunetas, a sinalización e porán medidas de calmado de tráfico (lombos) onde sexa necesario.

. Colectores de lixo novos e limpeza de todos e información sobre os composteiros comunitarios e indivduais.
. O arranxo duha fonte
. A colaboración do Concello para a realización de actos culturais: Festa da Primaveira, Día das Letras Galegas e inauguración da biblioteca

. Arranxos varios no antiguo Concello e na nova Casa a Cultura

Por outra banda un veciño fixo entrega ao Concello da cruz do cruceiro do Outeiro co fin de que sexa restaurado e o Consello pediu que se lle poda ofrecer aos propietarios de varios muiños na parroquia os materiais necesarios para o seu acondicinamento.