Concello e comuneiros crean unha gran plantación de castiñeiros en Campañó

154

Os escolares do colexio Parada-Campañó inauguraron hoxe o último proxecto de colaboración do Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Campañó para crear unha plantación de castiñeiros enxertados micorrizados no monte de Sabarís.

En virtude deste acordo, a Comunidade cedeu ao Concello unha parcela no monte de Sabarís dunhas 3 hectáreas por un período de 20 anos con fins de lecer e educativos. Neste espazo, o Concello fará unha plantación de castiñeiros enxertados micorrizados para potenciar unha produción mixta de castaña e cogomelos, todo elo para fomentar actividades de educación ambiental e vinculados coa divulgación de coñecementos sobre a castaña e os cogomelos.

Ademais, o proxecto serve para facer fronte aos lumes do verán dado que pola disposición orográfica así como polos ventos da zona, este soe ser o punto polo que entran os lumes forestais na parroquia de Campañó. Ao eliminar as especies pirófitas como os eucaliptos e plantar castiñeiros permitirá una loita máis eficaz contra o lume.

Nestas semanas, o Concello que investiu neste proxecto 18.000 euros, realizou traballos de limpeza da parcela, e hoxe acudiron os 39 escolares de Infantil e Primaria do Colexio Parada-Campañó a facer as primeiras plantacións dos castiñeiros en colaboración coa empresa que está a facer os traballos de limpeza, os comuneiros e os profesores. Nesta primeira plantación tamén estiveron presentes as concelleiras Pilar Comesaña, delegada da parroquia, e Anabel Gulías, responsábel de Promoción Económica.

O proxecto complétase coa mellora dunha pequena zona lúdica infantil e de adultos na zona.