Santiago mira a Pontevedra para recuperar as rúas como espazos de convivencia

155

“As rúas son un espazo de convivencia e Pontevedra é un modelo”. Son palabras de Jorge Duarte Vázquez, concelleiro de Espazos cidadás, dereito á vivenda e mobilidade de Santiago, quen estivo hoxe no Concello cunha delegación de políticos e técnicos municipais composteláns para coñecer polo miudo o modelo urbano da capital do Lérez.

O alcalde Miguel Fernández Lores deu a benvida a delegación de Santiago e explicoulles os trazos do noso modelo urbano que fan de Pontevedra unha cidade de e para as persoas e os pasos dados para acadar este obxectivo.

A continuación comezou unha xuntanza máis técnica e interactiva co director xeral da área de Urbanismo e Servizos Xerais de Pontevedra, Xosé Manuel Tato e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle. Falaron xa polo miudo do modelo urbano e responderon ás dúbidas e inquedanzas dos composteláns, que andan na transformación urbana de Santiago con fin de retirar unha importante cantidade de vehículos privados do centro e avanzar na recuperación de espazos públicos para devolverllos aos cidadáns.

Fernández Lores e Jorge Duarte coincidiron en subliñar o camiño andando en Pontevedra, un modelo do que se poden extrapolar experiencias e fórmulas de mobilidade exitosas pero que non é trasladable na súa totalidade. “Cada quen ten que ver a súa realidade e adoptar un camiño propio”.

A xornada rematou cun pequeno paseo pola cidade para ver “in situ” espazos de preferencia peonil e fórmulas de convivencia entre persoas, bicis e o chamado tráfico necesario (veciños e servizos).