O Concello quere facer da praza de Barcelos, un espazo de recreo para o colexio

144

Os concelleiros Luís Bará e Carmen Fouces mantiveron esta mañá un encontro coa comunidade escolar do Colexio de Barcelos (dirección, alumnos e anpa) para anunciarlles a intención do Concello de actuar na praza de Barcelos e transformala no “patio de xogos do colexio”, dado que se trata un centro con limitados espazos de lecer.

O concelleiro Luís Bará explicou que para o Concello é prioritario fixar a conexión entre colexio e a praza de Barcelos, polo que existe a intención de pór a nivel a beirarrúa no tramo diante do colexio –cando menos, aínda que o ámbito de actuación estaría por definir- e restrinxir o tráfico nese punto (sempre garantindo os servizos e accesos a garaxes9.

O concelleiro explicou que con esta reunión inicia unha ronda de contactos nas que pretende manter encontros cos veciños e co parking para definir cal sería o ámbito de actuación e fixar os máximos e mínimos da actuación na praza da Barcelos, sempre tendo en conta que a prioridade é conectar o centro de ensino coa praza en condicións de seguranza para os nenos.

A Policía Local ten elaborado un estudo previs no que se amosa a viabilidade de restrinxir o tráfico diante do centro de ensino e levar os tráficos polo outro lado da praza de Barcelos.

Aproveitando esta actuación, o Concello tamén iniciará conversas con Fenosa para soterrar o distribuidor que ten na entrada do colexio de Barcelos –dentro do propio recinto-, e tamén para realizar melloras no resto de vías da praza e tamén no seu interior.

Luís Bará recoñeceu que a vía da praza ten graves problemas, con fochandas e lastros levantados, que haberá que ir mellorando por fases. O Concello tamén pretende mellorar o estado interior da praza mellorando os enlousados e o mobiliario urbano.

A mellora tamén chegará á rúa do Rouco, cando menos até a entrada do centro de ensino onde se ampliará a beirarrúa e eliminará o estacionamento.

Cabe lembrar que o Concello recibiu o pasado verán aos alumnos de Barcelos que presentaron un proxecto de mellora da praza, e a incorporación deste espazo como lugar de recreo para os rapaces.