Pontevedra, a única cidade galega no Cumio Mundial do Clima

212

A transformación urbana dos últimos anos coloca a Pontevedra “na vangarda das cidades comprometidas co planeta”, subliña o alcalde Miguel Fernández Lores, quen o día 4 de decemebro no Cumio Mundial do Clima de París, asinará a adhesión de Pontevedra á Alianza das Cidades contra o Cambio Climático (Compact of Mayors).

As cidades participantes no Compact of Mayors do Estado Español son, ademáis de Pontevedra (a única cidade galega), Madrid, Barcelona, Zaragoza e as vascas Donosti, Bilbao, Vitoria, Errentería, Tolosa, Legazpi, Durango, Areatza, Amurrio e Balmaseda. Do Eixo Atlántico están representadas tamén Braga e Matosinhos. Da península Ibérica tamén están vencelladas Lisboa, Almada, Faro e Gibraltar.

As autoridades destas poboacións comprométense a ir introducindo periodicamente datos moi precisos sobre a calidade do aire, obxectivo polo que Pontevedra chegou recentemente a un acordo coa Universidade para implementar un sistema de medicións que na actualidade está en fase experimental.

Pontevedra acode á cita tras ter realizado unha profunda transformación relacionada co modelo de mobilidade nos últimos 15 anos, que supuxo un aforro dun 66% na emisión de gases provocados polos combustibles dos automóbiles. Este aforro enerxético realizouse grazas ás grazas ás políticas de diminución do uso do coche privado e da promoción dos desprazamentos a pé e en bici, que hoxe acadan o 72% do total.

Outros logros da nova política de mobilidade son o 81% de nenos e nenas que van camiñando á escola, os altísimos índices de seguridade viaria (0 mortos e drástica diminución do número de atropelos: 69 en 1998, 4 en 2013), unha alta biodiversidade, unha diminución constante da contaminación acústica e por fumes —en breve botará a andar un avanzado sistema de medición da calidade do aire—, a práctica totalidade da accesibilidade universal no espazo público e un aumento significativo da poboación urbana (medrou un 33%, nun contexto territorial de regresión demográfica). Índices difíciles de traducir a cifras, como a empatía urbana, a vitalidade das rúas ou a autoestima urbana son bastante evidentes.

A nosa cidade foi convidada a participar pola Fundación Bloomberg e a alcaldesa de París, Anne Hidalgo, en outubro, a raíz das entrevistas realizadas en Nova York polo alcalde Lores a directora de Bloomberg Philanthropies, Linda Gibbs o pasado mes de maio.

O Concello de París e Bloomberg son os principais impulsores deste encontro no Cumio do Clima, destinada aos alcaldes. Para iso, está organizada unha plataforma virtual, denominada Compact of Mayors, onde están representadas varias cidades do mundo que asinarán oficialmente o compromiso de mellorar a súa realidade en relación á contaminación.

Conscientes de que as cidades teñen un papel activo no seu compromiso co planeta, o Pacto de Alcaldes é unha coalición global na que se comprometen a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nas cidades.

As cidades teñen poder para organizar accións dentro das súas competencias que axuden no obxectivo de reducir o quecemento global. A organización da súa mobilidade, na que Pontevedra é un referente resulta un evidente exemplo de como se pode contribuír a este importante obxectivo.

Carta