Homenaxe institucional do 12 de novembro

69

 

            Boa noite, familias, representantes da corporación municipal, veciños e veciñas…

            O 12 de novembro de 1936 é unha data funesta, un día negro na historia de Pontevedra, porque tal día coma hoxe, na Caeira, as balas da senrazón e da inxustiza, os disparos do fascismo, mataron a dez homes bos, a dez homes xustos, xenerosos e solidarios.

            Mais a pesar da dor que nos provoca esta data, queremos FACER MEMORIA.

            Primeiro, porque o cultivo da memoria é un deber ético e político principal, que non debemos deixar nunca de lado (ainda que lles moleste a alguns);

            en segundo lugar, porque o silencio e o esquecemento son como a última derrota, a morte definitiva para as vitimas da represión franquista… E xa houbo moitas décadas, demasiado tempo de silencio e esquecemento, na Ditadura e tamén na transición e no tempo que veu despois;

            e terceiro, porque llo debemos ás familias das persoas asasinadas, que ademais de sofrer unha dor que dura xa 79 anos, e que ainda permanece no fondo dos corazóns -e permanecerá para sempre-, non tiveron apenas dereito nin a chorar publicamente aos seus, a celebrar un funeral, a poñerlle flores na tumba no tempo das prohibicións, do silencio e do odio. E tiveron que convivir con esa traxedia, con esa dor inmensa, compartila e sobrelevala en silencio, no interior das casas. E mesmo ás veces tiveron que renunciar a contar o que pasara, porque o terror foi tan grande e o trauma ficou tan gravado na pel e na alma que quixeron protexer aos seus daquel inmenso drama.

            Por iso nunca será suficiente o que fagamos polas vítimas do 12 de novembro e por todas as e demais. Especialmente por aquelas que aínda agardan que as rescatemos do anonimato, das tumbas anónimas, das cunetas e do silencio da Historia. Tende por seguro que no Concello de Pontevedra e alí onde nos toque traballar, non imos parar nesta loita, neste compromiso pola XUSTIZA, A VERDADE E O RECOÑECEMENTO DAS VÍTIMAS.

            HOXE, máis alá da tristeza e da dor a que temos dereito, é un día de lembranza, de memoria e de honra. Un día de xustiza e de recoñecemento público. Un recoñecemento institucional e cidadán que iniciamos en 1999 e renovamos cada ano.

            Non queremos lembrar aquí os crimes horrendos, as mortes alevosas e os asasinos que as decretaron.

            Hoxe é un día para celebrar as vidas honestas e xenerosas, os ideais limpos e solidarios, a entrega e a coraxe de persoas de ben.

            Para celebrar vidas que forman parte da historia, da mellor historia de Pontevedra.

            Para pronunciar con emoción e orgullo os seus nomes cheos de luz, de exemplo e de dignidade.

            Os nomes dos médicos AMANCIO CAAMAÑO CIMADEVILA, TELMO BERNÁRDEZ SANTOMÉ e LUIS POZA PASTRANA

            Dos mestres PAULO NOVÁS SOUTO, GERMÁN ADRIO MAÑÁ e BENIGNO REY PAVÓN

            O editor RAMIRO PAZ CARBAJAL

            O avogado JOSÉ ADRIO BARREIRO

            O xornalista VICTOR CASAS REY

            E o capitán JUAN RICO GONZÁLEZ

            Coas súas vidas segadas pola barbarie fascista o 12 de novembro de 1936, tamén queremos lembrar a todas as mulleres e homes que foron asasinados por defenderen a República, a democracia, a liberdade e os dereitos de Galiza. Xentes humildes, traballadoras e traballadores, líderes agrarios, sindicalistas, obreiros que morreron impunemente nos cemiterios, nas cunetas e nas rías do noso país.

            E queremos tamén facer memoria das vítimas de todas as formas de violencia: as persoas encarceradas, aldraxadas, rapadas, sometidas a vexacións e castigos, depuradas, e que foron obxecto de sancións económicas, e de persecución social, ideolóxica e psicolóxica. A familias enteiras que padeceron durante décadas a humillación, a dor, o silencio e o esquecemento.

            O vindeiro ano 2016, con motivo do 80 aniversario do inicio da represión, o concello de Pontevedra vai desenvolver unha ampla programación de homenaxe ás persoas represaliadas. Un programa de actos que vai ter tres obxectivos pincipais: a procura da VERDADE, da XUSTIZA E DA REPARACIÓN.

            Faremos especial fincapé naquelas vítimas máis silenciadas, nas esquecidas, para que as súas vidas dignas e o seu sacrifício non sexa inútil. Para que o seus ideias sigan vivos nun tempo em que os precisamos tanto. E seguiremos na procura do ronsel das mulleres represaliadas e resistentes, que están voltando do silencio da Historia por medio do programa A MEMORIA DAS MULLERES, que desenvolve a concellaria de patrimonio histórico e que está a dar tan bos resultados grazas á achega xenerosa das familias.

            Queremos que esta programación do 2016 arredor da memoria histórica sexa sentida socialmente e moi participativa, por iso xa desde agora quero facer un chamamento ás familias, a investigadores e investigadoras e asociacións para que se impliquen e nos axuden a conformar un 2016 moi frutífero. E quero tamén aproveitar a ocasión para convidarvos ao acto que será preámbulo da programación do ano que vén: A HOMENAXE ÁS MULLERES REPRESALIADAS E RESISTENTES que terá lugar o venres 27 de novembro ás 20.30 h no Teatro Principal.

            Como dixemos, o de hoxe é fundamentalmente un encontro de MEMORIA e de XUSTIZA

            Unha xornada para proclamar solemnemente que lles quitaron a vida con aleivosía, que a súa morte foi inxusta e innecesaria, ademais de cruel…

            Arrebatáronlles a vida no mellor, mais nunca poderán acabar coa súa obra, a creación máis grandiosa do ser humano: o compromiso cos demais, a xenerosidade, as arelas e liberdade e de progreso, a paixón solidaria, a defensa dunha Galiza próspera e dona dos seus destinos…

            Hoxe é unha data para deixar testemuño da inmensa gratitude que sentimos cara a eles, os homes e mulleres que soñaron, que loitaron e que deron a vida por unha sociedade máis igualitaria, libre e democrática. Para que a luz da súa memoria permaneza para sempre, para que a intolerancia e a barbarie fiquen para sempre atrás, e para que o seu exemplo nos axude a construír un futuro mellor.