O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e membros da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos visitaron esta mañá o novo Centro social de Salcedo, acompañados polos arquitectos que deseñaron o proxecto, así como polos técnicos municipais responsábeis da obra e directivos da empresa que executa os traballos: Ediserpo. Tamén había unha nutrida representación das distintas asociacións e colectivos do Consello parroquial de Salcedo. A visita estivo organizada polo concelleiro delegado da parroquia de Salcedo, Demetrio Gómez, xa que está a piques de rematar os traballos de construción do singular edificio.
A comitiva coñeceu de primeira man a versatilidade dos espazos deste novo centro social, xa que as salas principais poden servir para montaxes de envergadura, quedando un espazo máis alto -a modo de escenario- e outro máis baixo -como patio de butacas-, que se poderá ampliar cara ao exterior xa que as portas son corredeiras e poden sacarse, chegando a crear un patio de bucatas cun aforo para varios centos de persoas.
O local complétase con catro espazos versátiles, unha cociña, servizos e almacéns.
Na actualidade estáse a executar a urbanización do exterior, e está pendente do equipamento con material audiovisual e informático, así como para a cociña.
O Local social ten unha superficie construída de 650 metros cadrados e foi negociado dende o primeiro momento co Consello parroquial incluíndo as peticións da plataforma constituída con posterioridade ao primeiro proxecto. Trátase dun Centro social ambicioso polo prezo, pola funcionalidade, polos avances técnicos e pola capacidade do edificio. O custe é de 708.455,69 euros.
Núcleo de centralidade parroquial
O novo Local Social de Salcedo contribuirá a conformar o núcleo de centralidade parroquial nesta zona onde xa se atopan os colexios, a Casa da música, a Casa do monte e o novo parque infantil. Tamén está a carón da igrexa e do cemiterio parroquial.
Ademais, do proxecto de construcción da Centro Social, tamén está previsto unha actuación máis ampla en todo este espazo grazas a un acordo entre o Concello e a comunidade de montes que entregou 3.000 metros cadrados onde para a construcción do Centro Social, un campo de petanca, outro de chave, o parque infantil e un parque biosaudábel.
O anteproxecto para a instalación destes outros equipamentos da parroquia foi elaborado pola oficina de arquitectura municipal contempla retranquear o viario actual para reordenar todo o espazo. Este movemento permitirá crear unha praza diante da entrada ao cemiterio parroquial especialmente útil en xornadas tan sinaladas como o Día de Difuntos. Tamén se creará un paso de peóns elevado para garantir a seguranza viaria en todo este ámbito.
Ao seu carón está a Casa da Cultura.
Ademais, todo este ámbito complétase cun parque infantil e unha pista de petanca, xa instaladas pola comunidade de montes, e que se complementarán cun parque biosaudábel e unha pista de chave que pretende crear o Concello para completar este núcleo de centralidade parroquial que terá as características dunha zona plenamente urbana cos deseños e calidades urbanos, pero adaptados ao un núcleo rural como xa se realizou noutros ámbitos como en Cabaleiro, na parroquia de Campañó.