Inauguración de Pont Up Store 2015

21

Querido reitor, queridos representantes da sociedade, queridos emprendedores e emprendedoras

Amigas e amigos

Benchegados a esta convocatoria do emprendemento de Pontevedra, na que se procura poñer en relación as ideas, os recursos, o coñecemento.

Aquí as experiencias, as vontades, as perspectivas, a forza, a imaxinación, a creatividade, o impulso, en definitiva, as pontes cara a un mañá económicamente máis sólido e coas vosas vidas máis aseguradas.

Estamos atravesando un período no que o pensamento económico único e a globalización están expulsando do mercado laboral unha enorme cantidade de asalariados.

Moitas son as empresas que, condicionadas polo liberalismo feroz dos nosos días, van reconvertíndose ou organizándose dunha maneira máis eficaz para facer frente á enorme competitividade á que se ven obrigadas.

Algunhas destas empresas substitúen os seus antigos postos de traballo por máquinas, ou ben pechan as súas fábricas para convertirse en mereos importadores de bens que fabrican noutros lugares do mundo e venden aquí sen rubor.

Esta tendencia expulsa do mercado laboral a miles de traballadores, especialmente en países periféricos como o noso, ao que se lle dificulta pescar, nen producir leite, nen desenvolver a súa economía forestal, agropecuaria, fiscal ou enerxética.

Ante esta crúa realidade económica, ante estas políticas pensadas para empobrecer aínda máis aos traballadores e favorecer aos grandes emporios empresariais e financieiros, poucos camiños quedan abertos.

Diante desta situación podemos optar por duas alternativas: a histórica emigración do noso país, ou a nosa autoorganización, artellar modos e maneiras que nos permitan ir buscando saídas para as nosas economías.

A eso pode axudarnos iniciativas coma esta, chea de enerxía e creatividade, de forza en movemento, de ideas e de experiencias variadas, de motivacións para enxergar as nosas propias potencialidades, asociarnos ou cooperar entre iniciativas complementarias ou coincidentes, estudar o mercado e lanzarnos en procura dos nosos beneficios.

Beneficios que sen dúbida deben ser dedicados a vivir cada vez mellor, pero sen esquecer a dimensión social das nosas apostas. Unha dimensión que se concreta en xenerar máis e mellores recursos públicos, contribuir ao benestar de todos a través da formación das persoas, da investigación e da cooperación.

Descubrir novas vocacións empresariais, animar posibles ideas a saír adiante, xerar novas iniciativas que axuden a manter o benestar a través da redistribución da riqueza, están na base desta convocatoria na que colaboramos coa Universidade e con este elenco de entidades que tomarán parte no evento.

Son moitas as empresas pontevedresas que nos máis variados aspectos naceron de magníficas ideas e fóron chegando a convertírense en referentes nos seus sectores. Non quero citar nomes, pero os sectores da industria cultural, o deseño, a arte, o mobiliario urbano, a nova agricultura, a distribución comercial, a hostelaría, a informática, van creando tecido económico aproveitando os valores dunha Pontevedra cada vez mellor posicionada, máis potente e máis segura de si mesma, por moito que os tempos sexan duros e as grandes forzas económicas que moven o mundo queiran reducirnos a ser meros consumidores.

Grazas, amigos e amigas por facer piña entre vós, por cooperar, por imaxinar xuntos un futuro mellor e por axudar a Pontevedra e aos pontevedreses a ter cada día máis oportunidades e un horizonte algo máis definido.

Queda inaugurado PONT UP STORE

Moitas grazas