Cogami premia o modelo de Pontevedra, deseñado para “todas” as persoas

114

A alcaldesa en funcións, Carme da Silva, recolleu en Santiago o novo premio que recibe Pontevedra polo seu modelo de cidade. Nesta ocasión foi o Recoñecemento que lle fai a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) a mellor institución pública ou privada polo seu “inestimábel labor a prol das persoas con discapacidade e de apoio na procura dos fins de Cogami” que non son outros que aqueles que levan á integración plena das persoas con capacidades distintas.

Pontevedra suma o premio a outros que tamén puxeron en valor un modelo de cidade que coida e pensa nas persoas -en todas elas, sen excepción- como o premio ONU- Hábitat ou o de Nova York, porén Carme da Silva quixo subliñar que “é especialmente emocionante” unha distinción cando “ven de xente que traballa o teu carón, cando ven dunha organización como Cogami que loita a prol da accesibilidade e da integración laboral das persoas con discapacidade”.

Son 55 as asociacións e entidades que integran Cogami, das que 16 son da provincia.

Pontevedra é unha cidade integradora e procura non deixar a ninguén atrás, un traballo que xa foi apreciado antes polo Comité español de Representantes de Persoas con Discapacidade que agrupa a todas as entidades do Estado que traballan con e por a integración. No ano 2007 o Concello recibiu o premio Cermi-2007 a Mellor Acción Local polo deseño e posta en marcha dun modelo urbano respectuoso coa accesibilidade das persoas, con mobilidade reducida e outro tipo de discapacidades.

Cogami celebra este ano o seu XXV aniversario e ademais de ao Concello de Pontevedra, no acto do Pazo de Congresos de Santiago foron premiados: José Antonio López Freire, de quen recoñecen a súa traxectoria persoal de loita pola integración e a Fundación Vodafone.