Search
Close this search box.

Cultura aplaude os éxitos de Baobab Teatro na última Feira de Teatro de Castela e León

A Concellaría de Cultura, que dirixe Anxos Riveiro, quere dar os seus parabéns á compañía pontevedresa Baobab Teatro que acaba de obter o premio ao mellor espectáculo infantil na Feira de Teatro de Castela e León que se celebrou a pasada semana en Ciudad Rodrigo. A compañía acudía a Castela co seu espectáculo “Luppo” que foi estreado na pasada edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Anxos Riveiro destacou que os éxitos de Baobab Teatro honran a Pontevedra e son unha clara mostra da calidade que reina no ámbito das artes escénicas e da creatividade na cidade de Pontevedra, un dos sectores estratéxicos para o goberno local e que “terá que darnos moitas máis alegrías”.

Segundo explica a propia compañía no seu sitio web “Luppo é un espectáculo que fala do ciclo da vida, do apego cara a ás persoas que nos rodean, en particular cara aos nosos maiores, e da importancia das historias que construímos ao longo da vida.

É un proxecto pensado para pequenos a partir de 4 anos e para adultos. Ten unha duración aproximada de 50 minutos nos que actores/manipuladores comparten escenario cos personaxes, monicreques construídos integramente en cartón, ao igual que o resto da escenografía e atrezzo. O cartón, material cotián, vulgar e a priori sen atractivo, cobra relevancia en Luppo para, partindo da súa sinxeleza, definir un espazo que como a historia de Luppo, é cálido, acolledor e familiar.

Luppo é un home maior que vive só e todos os días, ás doce en punto do mediodía, acende o seu gramófono e escoita ópera. Sempre a mesma canción.

Ten un amigo, Tulún, un neno que tamén todos os días lle leva o pan, as especias e o xornal. E todos os días Luppo lle relata unha historia da súa vida a Tulún. Unha mañá Tulún chega coa compra e Luppo non está…”.

            A Feira de Teatro de Castela e León  

Baobab teatro foi escollida entre máis de 1.000 propostas do Estado que acudiron a esta feira, e competía con outras 36 obras seleccionadas que se represetaron do 25 ao 29 de agosto, en Ciudad Rodrigo. Hoxendía esta feira é un dos escaparates máis importantes de España e do resto de Europa na difusión das artes escénicas.

En Luppo a dirección estivo a cargo de Óscar Ferreira e sobre o escenario estiveron Andrea Bayer, actriz e dramaturga, e Xosé Manuel Esperante, actor con ampla experiencia teatral, cinematográfica e televisiva.

Compartir publicación: