Lores: “Quero cambiar o trato que a Xunta mantén co Concello de Pontevedra”

158

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reúnese este luns, 27 de xullo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ás 12.00 horas na sede do Goberno Autonómico para tratar de reconducir a relación que a Xunta de Galiza mantén do Concello de Pontevedra. O alcalde foi claro e conciso á hora de explicar que “vou cunha idea fundamental: como dixen no discurso de investidura, tratar de cambiar o tipo de relación que a Xunta mantén co Concello, non á inversa, porque eu creo que nós temos trato igual con todas as administracións, independentemente de quen as presida ou forza política que as goberne”.

Fernández Lores asegurou que “queremos chegar a acordos en cuestións fundamentais para a cidade. Nalgúns casos son acordos, máis ou menos, satisfactorios e noutros casos non é posíbel, polo tanto voulle aclarar que Pontevedra é unha cidade capital de provincia e queremos un trato semellante, nin mellor nin peor que o resto de cidades”.

A igualdade de trato pódese observar en distintos aspectos, por exemplo, o trato e cobertura da televisión pública de Galiza á cidade de Pontevedra. “Xa non vai ser igual porque Pontevedra é a única capital de provincia que non ten delegación. É unha eiva importante, pero aínda así queremos que o trato sexa equilibrado e queremos que a TVG se faga eco dos éxitos de Pontevedra pola súa proxección internacional, e tamén das desgrazas -de vez en cando-, pero non só desgrazas”, explicou o alcalde.

Tendo en conta que o cambio de actitude é o obxectivo que persegue este encontro, Fernández Lores tamén levará a este encontro outros temas, pero “non se trata de demandar unhas inversións cuantiosas dende o punto de vista económico, senón no xeito de facer as cousas”

A principal reivindicación será a cesión do vello edificio administrativo da Xunta de Galiza, situado na rúa Benito Corbal, para convertelo no próximo “Campus crea”, grazas a sinatura dun convenio entre o Concello, a Universidade e a Xunta de Galiza.

O alcalde explicou que “aínda que está sen uso aínda non se ten deteriorado como para non poder usalo cun investimento mínimo”. Deste xeito evitaríase facer un investimento máis potente coa construción dun edificio novo como estaba previsto, un proxecto que non foi arriba porque o Incyde (instituto cameral para a creación e desenvolvemento da empresa) non reservou fondos para este ano, a pesares das peticións da Cámara de Comercio de Pontevedra. Ademais, o vello edificio da Xunta de Galicia estaba destinado para aproveitamento urbanístico en función dos convenios asinados entre o Concello e a Xunta, é dicir, para ser derrubado e volver a construír, pero dada a situación actual de crise económica e de crise no sector da construción “o normal é aproveitar o edificio”, concluíu o alcalde.

Este edificio podería ser o futuro Campus crea, un viveiro de empresas vinculado ao mundo da creación, e tamén poderá ser sede dos proxectos de investigación da Universidade de Vigo no eido da Fisioterapia ou Forestais, dado que teñen demanda de espazos neste senso. Ademais, ao ser un edificio de 5.000 metros cadrados construídos e a o dispor de auditorio e sala de exposicións tamén poderá ter outros usos de carácter cultura para a cidade.

“Non pedimos investimentos económicos potentes senón colaboración para ocupar espazos que a Xunta ten na cidade neste momento”, concluíu Fernández Lores.

Ademais, o alcalde indicou que hai outras cuestións en marcha:

  1. A construción da variante de Alba “porque xa está o proxecto feito e creemos que non é moi custosa e podería ser un proxecto factible para este mandato”. Esta variante podería resolver os problemas de seguranza do Camiño Xacobeo a Compostela en San Caetano, xa que non teñen por onde pasar os peregrinos.
  2. Mellorar a seguranza en todo o Camiño de Santiago, como en Lusquiños.
  3. Mellorar a seguranza viaria nas estradas da Xunta en Pontevedra “ben que o fagan eles o que nolo deixen facer a nós”, como en Rosalía de Castro, no centro de saúde de Lérez…
  4. Abordar o saneamento da ría, do Gafos e tamén do rural, xa que está pendente de asinar o terceiro convenio que podería estar sufragados cos próximos fondos europeos 2015-2020.
  5. Insistir no inicio das obras dos xulgados de Pontevedra “porque xa está ben de darlle voltas. Puxemos os terreos a disposición en 2013”.
  6. Tamén abordaranse outros temas como Sogama, o Hospital, Ence..