O Concello de Pontevedra iniciou esta semana a ronda de contactos para a reforma do Regulamento de Participación Cidadá, un documento de xaneiro de 1999, e que o Goberno Local pretende actualizar seguindo compromiso electoral do BNG de incrementar a participación no Concello.
Os primeiros pasos deunos o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima quen xa se reuniu cos representantes das Federacións de Veciños Castelao, Boa Vila e Teucro, así como coa Mancomunidade de Montes de Pontevedra, e cos grupos políticos representados no Concello. A todos explicóuselles que a proposta do Goberno é actualizar o Regulamento polo que se busca a cooperación de veciños e partidos para facelo.
A proposta é que os servizos xurídicos do Concello (Asesoría e Secretaría) estuden se este regulamento se adapta ás normativas actuais como a Lei de grandes cidades e á normativa europea.
O propósito é poder ter este mes o informe para remitilo a todas as partes implicadas e poder facer achegas a este regulamento no mes de setembro.
Segundo Vicente García Legísima “durante todo este tempo non se lle sacou partido a este Regulamento, tanto por parte do Goberno como dos propios cidadáns”, polo que se poden facer melloras importantes ao regulamento como a participación dos veciños nos plenos.