Chega o IV Open de Taekwondo Cidade do Lérez, a festa do deporte base

268

O Pavillón Príncipe Felipe acolle durante esta fin de semana a cuarta edición do Open Cidade do Lérez de Taekwondo, un evento que naceu como a festa de fin de temporada para os rapaces dos clubs de todo o Noroeste peninsular.
O campionato foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández e o presidente do club organizador, Taekanart, José Antonio Ríos.
Fernández destacou que o Open naceu como un “experimento”, pero está xa plenamente consolidado. Un evento que pecha a temporada e serve tamén de homenaxe aos practicantes máis novos dun deporte espectacular.
Participan máis de 600 persoas, das que 434 son deportistas (191 competidores de exhibición e 243 de combate). Será este sábado, día 6, e domingo, día 7. A proba desdóbrase en dúas xornadas diante da capacidade de organizar todos os combates e exhibición nunha soa.
Conta coa presencia de 19 clubs: Natural Sport, de Sada; Taekanart, de Monte Porreiro (Pontevedra); Mace Sport (Pontevedra); CEIP Coirón (Dena), Dobok Escuela, de A Coruña; Mat’s (Marín); Garrapucho, de A Coruña; Taekwondo de Zamora; Natural Sport Videlgi (Ribeira); Suh Sport (Pontevedra); Kido, de Sanxenxo; Couto (Ourense); Hebe (Moaña); Kiap (Vigo); Ozono (Boiro); Patiño (Moaña); Taemi (Asturias); Welness Sport (Santiago) e Vior, de Asturias.
A novidade desta edición vai ser a incorporación dos cascos con protector facial, obrigatorios para as categorías cadete e infantil. Ademais introdúcense modificacións no regulamento para estimular o espectáculo.
Esta edición ten tamén carácter solidario e, en colaboración coa asociación de veciños O Mirador, de Monte Porreiro, organízase unha recollida solidaria de alimentos.