O Arxil porá a 1.107 rapaces a xogar ao baloncesto en Montero Ríos

148

A avenida de Montero Ríos converterase mañá, mércores, nun gran complexo de canchas de baloncesto coa celebración da décimo cuarta edición do “3×3 na Rúa”, o evento organizado polo Arxil e patrocinado pola Concellería de Deportes.
O evento foi presentado polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado pola directiva do Arxil, Marita Janeiro, e a adestradora de base, Ana Gómez. O edil subliñou que estamos diante dun evento que crece ano a ano e que é o principal foco de captación de novos talentos no baloncesto local.
Haberá récord de participación, pois agárdase a presenza 1.107 xogadores de Terceiro a Sexto de Primaria. Están inscritos os colexios Calasancias, Nuestra Señora de los Dolores, San José, San Bieito de Lérez, Froébel, Barcelos, Campolongo, Manuel Vidal Portela, Carballeira (Lourizán) e Álvarez Limeses. Con eles, a asociación Virgen de la O e o club deportivo Amfiv (Vigo), que agrupa a xogadores/as en cadeira de rodas. Conformarán un total de 269 equipos.
A xornada comezará ás 9.45 horas para rematar sobre as 13.15 horas coa entrega dos agasallos aos participantes. Ás 12.00 horas, no Palco da Música, celebrarase o sorteo para a conformación dos grupos do próximo Campionato de España de Baloncesto Infantil Junior.
Na avenida de Montero Ríos disporanse un total de 30 canchas nas que está previsto que se disputen 600 partidos. O Arxil fará novamente un gran despregamento organizativo contando cuns 35 voluntarios e máis de 50 profesores.