Un vídeo sobre as posibilidades de Pontevedra como plató de rodaxe promocionará a “Film Commission”

173

Un vídeo, que relaciona as paisaxes de Pontevedra con referencias ao cine universal, promocionará a oficina “Film Commission”, é dicir o departamento municipal destinado a atraer a rodaxe de todo tipo de producións audiovisuais á cidade. A peza foi presentada hoxe pola concelleira de Turismo, Carlota Román.
O traballo é obra do equipo formado por Guillermo Pío, Eloy Táboas e Cristóbal Arteaga. Foi o gañador do concurso aberto no marco do congreso audiovisual “Pontevedra e… acción!”, organizado pola Concellería o pasado mes de abril.
O concurso contou cunha dotación de 2.000 euros. O xurado estivo presidido por Carlota Román e contou co director Pablo Cacheda e o actor Manuel Lozano. Presentáronse unha ducia de produtoras, aínda que, finalmente, foron seis as que presentaron a peza.
Eloy Táboas recolleu hoxe o premio e entregou a versión final da curtametraxe. O realizador explicou que partiron dunha idea convencional de rodar un vídeo con imaxes bonitas da cidade, pero, sobre a marcha, decidiron elaborar un guión cinematográfico sobre un director que pensa en facer unha película en Pontevedra. A cidade vai ofrecendo posibilidades ata chegar a unha conclusión. Un vídeo sorprendente, cun formato máis creativo e na que o mesmo narrador, con acento chileno, achega tamén un toque diferencial.