Domesticar o automóbil, unha idea que entusiasma no congreso FitCity de New York

174

Unhas cen persoas, a maioría arquitectos e profesionais sociosanitarios asistiron onte á mesa redonda na que participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrada no marco do congreso FitCity10 da New York Academy of Medicine, que forma parte do macro complexo hospitalario Mount Sinaí.

            Logo da mesa redonda xenerouse un turno de preguntas nas que a delegación pontevedresa foi protagonista, pois a práctica totalidade das intervencións foron sobre como as cidades teñen que transformarse e que dificultades se prantexan nese proceso.

            A través de varios exemplos, Lores dixo que as maiores dificultades son o costume e o temor natural das persoas ante os cambios, así como os privilexios daqueles para os que o automóbil resultaba un sinal de prestixio. Ante eso, situou o apoio ao proceso “naquelas persoas que teñen os ollos máis abertos, como por exemplo as nais e pais preocupados pola saúde dos seus fillos, ou por entidades como Stop Accidentes, que agrupa a familiares de víctimas de accidentes de tráfico”.

            Valorou como un punto forte da transformación urbana a equidade das medidas: “se non se pode circular pola zona peonil, nin pode a cidadanía, nin pode o alcalde, nin pode o presidente do Goberno… simplesmente non se pode”.

            Outro exemplo que lle valeu o aplauso do público foi a anécdota dun neno que caeu da bici e tardou en aparecer a súa nai. A cidade é tan segura, que os pais non teñen por qué ter vixiados aos seus fillos: “E eso só pode ocorrer nunha cidade que ten domesticado o automóbil”.

            O director de Proxectos Especiais do Departamento de Transportes neoyorkino, Henry Greenidge, e a directora de Actividade Física do departamento de Saúde e Hixiene Mental acompañaron a Lores e ao enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas, na exposición de tres casos de traballos públicos a prol do transporte urbano activo.

            Algúns presentes reprocharon ás autoridades neoyorkinas alí presentes que as medidas tomadas en época de Bloomberg como alcalde “non son suficientes: seguimos sen poder cruzar a rúa na que vivimos”, espetou unha arquitecta entusiasmada co modelo pontevedrés”.

 

Bo día, Gabinete de Comunicación