A Concellería de Educación leva o mundo da maxia aos colexios pontevedreses

125

Os rapaces do colexio de Vilaverde (Mourente) adentráronse hoxe no mundo da maxia como recurso para enganchalos na afección pola lectura. Unha actividade, promovida pola Concellería de Educación, que leva por nome “A lectura é maxia” e que está a cargo do animador Javier Muro Alonso.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, estivo presente nesta peculiar representación, que xa fixo as delicias dos rapaces noutros centros escolares.
A actividade está dirixida a rapaces de entre 6 e 12 anos e consiste en sesións de 50 minutos. Aparentemente trátase dun contacontos, pero no transcurso do relato aparecen elementos máxicos que van captando a atención dos alumnos.
A historia comeza cun neno que está a ler o seu libro favorito cando sucede algo inesperado: o libro empequenece. Convencido de que a maxia é a responsable, busca ao seu redor unha explicación. É o seu pai quen descobre o poder dos libros e que a maxia, en realidade, reside nas súas páxinas.MAXIA NO COLEXIO 12-05-15