A feira da cervexa artesá enche de ambiente a fin de semana pontevedresa

280

A cervexa artesá galega é a protagonista da feira “Pontus Lupulus”, que se celebra no “vestíbulo” da Alameda de Pontevedra ata o domingo, 10 de maio. Un total de 10 produtores están presentes nesta primeira edición, que chega coa organización da Concellería de Promoción Económica e Turismo.
A concelleira Carlota Román inaugurou hoxe esta primeira edición dun evento que parece comezar cun éxito garantido. A calidade da montaxe, a base de casetas de madeira, a colocación dunha carpa sobre as mesas de degustación e a presenza de postos de comida outórganlle un aliciente engadido.
O público poderá gozar tamén dunha oferta gastronómica a cargo das firmas As Galeguesas (hamburguesas), Ecogloria, A Tenda dá Gata, Secreto Galaico e Aperta de Illas Cíes. “Pontus Lupulus” ofrecerá tamén dous showcookings (ás 12,30 horas de sábado e domingo) de pratos cociñados con cervexa. O sábado hai un obradoiro de elaboración de cervexa e o domingo outro de pan, ambos ás 17.30 horas. Finalmente, ofrécense concertos e actividades musicais.
Os prezos partirán de dous euros a caña e irán oscilando en función do custo de produción de cada variedade, especialmente, na cervexa embotellada.
Carlota Román subliñou que o fío condutor de todas as actuacións da Concellería é a aposta polos emprendedores e a busca de novos nichos de negocio. Os cervexeiros artesáns galegos encaixan perfectamente neste perfil. Son xente nova que busca o seu futuro e pon paixón no traballo. A concelleira destacou tamén a aposta polo produto local e a calidade que supón a cervexa artesá. A calidade do produto é fundamental para crear imaxe turística e gastronómica. Neste senso, apuntou que a gastronomía é unha das principais razóns que teñen os turistas para vir a Galicia.
Os cervexeiros presentes son: Faxilda (Vilaboa), Meiga (Poio), Saramagal (Barro), Galponbier (Vilanova de Arousa), Menduíña (Cangas), Suevia (Vilagarcía de Arousa), Nos (Mos), Keltius (Ourense), Áncora (Ourense) e Santo Cristo (Ourense).