O terceiro Plan de Emprego ofrece unha oportunidade laboral a outros 170 parados pontevedreses

249

Os primeiros 99 beneficiarios do terceiro Plan de Emprego Municipal, que vai chegar a un total de 170 parados/as pontevedreses, foron recibidos hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e recolleron a documentación para comezar as súas prácticas nas empresas.
A concelleira pontevedresa subliñou o esforzo que fai o seu departamento por poñer en marcha este programa que, xunto con outros, evidencia a vontade dar o combate directo ao problema do desemprego. A responsable municipal animou aos participantes a aproveitar esta oportunidade porque, lembrou, o índice de inserción laboral dos anteriores operativos estivo o 40%.
As persoas seleccionadas comezarán as súas prácticas inmediatamente e estarán operativas ata o próximo 6 de agosto. Os restantes 71 beneficiarios iranse incorporando progresivamente nos próximos días, unha vez culminado o proceso de selección.
O Plan de Emprego volve consistir en prácticas en empresas durante un período de tres meses, cunha xornada de catro horas (de mañá ou tarde) e cunha percepción de 375 euros brutos ao mes. As becas non supoñen relación laboral nin co Concello, nin coas empresas.
Todos os participantes foron remitidos directamente polo Servizo Público de Emprego (oficina do paro) e, a partir de aí, foron seleccionados en función dunhas bases públicas que priman aos colectivos máis desfavorecidos.
A relación de postos ofertados é a seguinte: 30 administrativos/auxiliares administrativos, 15 cociñeiros/as, 15 dependentes/as, 12 camareiros/as, 10 limpadores/as, 10 mozos/as de almacén, 8 mecánicos/as, 6 “community manager”, 5 monitores de tempo libre, 4 camareiros/as de pisos para hoteis, seis comerciais, tres educadores infantís, dous deseñadores/as gráficos, dous hixienistas dentais, dous monitores/as deportivos, dous oficiais de salón de peiteado, dous operarios/as de lavandería, dous perruqueiros/as, dous traballadores para obradoiro de pan, dous repartidores/as, dous técnicos en cociña e gastronomía, dous técnicos en servizos de restauración, un auxiliar de clínica, un auxiliar técnico de Orientación laboral, un carpinteiro metálico, un caixeiro/a-repoñedor/a, un electricista, un fotógrafo/a-deseñador/a gráfico, un operario forestal ou xardiñeiro/a, un operario/a de máquina de imprenta e un rotulista.
A dotación económica deste novo Plan de Emprego ascende a 200.000 euros e o obxectivo é que as prácticas ao longo do mes de maio.
Carlota Román destacou que a selección resulta totalmente imparcial e “coa mesma porta de entrada para todo o mundo”. As bases introducen como requisito que as empresas participantes non poden ter despedido a ninguén en postos equivalentes tres meses antes ou durante a prestación do servizo.
Os tres Plans de Emprego municipal desenvolvidos durante este mandato municipal chegaron a 428 persoas (incluíndo esta nova convocatoria). O investimento total suma os 500.000 euros. O índice de inserción das dúas primeiras edicións alcanzou o 40%.