O colexio Álvarez Limeses gaña as Olimpíadas do Recreo

209
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, entregou os premios aos colexios gañadores das Olimpíadas do Recreo, un programa destinado a que os rapaces aprendan divertíndose. A gran final celebrouse no salón de actos da facultade de Ciencias Sociais esta fin de semana.
Tamén recibiron os seus agasallos os colexios de Marcón, que quedou en segundo posto; en terceiro lugar, A Xunqueira 1; cuarto, Carballeira (Lourizán); quinto, Xeve e sexto, Lérez. Agustín Fernández entregoulles cheques-regalo para material escolar e os alumnos diplomas e diversos agasallos de patrocinadores particulares.
O programa estivo dirixido aos alumnos de Quinto e o Sexto de Primaria. Está baseado na participación polos alumnos nas “estacións” de Química, Comunicación e Deportes, así como un xogo “Pasapalabra” sobre cultura xeral.
As Olimpíadas do Recreo é unha actividade que pretende fomentar de maneira lúdica e divertida a cooperación e o traballo en equipo ao tempo que os nenos aprenden. Deste xeito, os alumnos divídense en grupos para participar de maneira simultánea en pequenos obradoiros. Ademais das tres “estacións”, os rapaces compiten de xeito divertido no seu coñecemento sobre cuestións locais e provinciais.
A novidade desta edición foi a introdución dun obradoiro de Comunicación, no que entran en contacto co labor diario do xornalista e aprenden algúns conceptos básicos da profesión.
Cada sesión tivo unha duración aproximada de 120 minutos en cada centro. Os colexios participantes nas Olimpíadas do Recreo foron A Xunqueira I, A Carballeira, Marcón, San Andrés de Xeve, San Benito de Lérez, Vidal Portela e Álvarez Limeses.