Terras de Pontevedra comercializará os seus produtos de turismo arqueolóxico en España e Europa

128

O Pleno da Mancomunidade Terras de Pontevedra aprobou hoxe o Plan de Actuación para este ano 2015, co que se pretende seguir o camiño iniciado a finais do ano pasado para a promoción e comercialización dos recursos rupestres da bisbarra. O máximo órgano reitor da mancomunidade está presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e conta con representación dos concellos participantes: Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro.
A concelleira de Turismo pontevedresa e responsable da xestión de Terras, Carlota Román, destacou que xa hai unha estratexia aprobada e un produto de arte rupestre que cómpre seguir vendendo. “Demasiadas veces”, explicou, “en política turística se vai improvisando e creo que os concellos que formamos parte deste proxecto común temos unha liña trazada cun produto que é atractivo e acertado, e hai que seguir por aí”.
A mancomunidade contará este ano cun orzamento de 102.000 euros, dos que 60.000 corresponden á achega da Xunta de Galicia (que recorta substancialmente dende os 90.000 euros do ano pasado), e o resto aos concellos integrados.
A promoción dos diferentes recursos de arte rupestre visitables dende Pontevedra como capital das Rías Baixas, seguirá a ser o eixe central. Haberá unha liña de traballo para a comercialización dos paquetes de arte rupestre creados o ano pasado e que interrelacionan os xacementos da bisbarra. Terras porá o foco na potenciación da oferta complementaria e creación de sinerxias con outros centros rupestres españois e europeos e na busca de presenza en revistas especializadas como National Geographic, Hispania, Muy Interesante ou o sitio web de Arqueotur.
En canto á liña estratéxica dirixida ao turismo accesible promoveranse os roteiros, especialmente deseñados para persoas con mobilidade reducida, organizaranse blogtrips, buscaranse contactos con axencias especializadas neste mercado e continuarase coa difusión entre centros e asociacións de persoas con mobilidade reducida, tanto de España como de Europa.
Unha das novas liñas de traballo, que ten que ver co comercio de proximidade, poñerá o énfase na gastronomía, pero tamén no lecer. Para elo xa se crearon tarxetas de fidelización para os establecementos colaboradores. Agora preténdese tamén que o comercio inclúa descontos e ofertas especiais.
O Plan de Acción inclúe unha partida para seguir traballando na sinalización dos recursos turísticos relacionados coa arte rupestre e, finalmente, accións divulgativas. Entre elas, a máis destacada é a colaboración co Eixo Atlántico para intensificar a imaxe de Terras de Pontevedra nas sete grandes cidades galegas e tamén nas “cámaras” (concellos) do norte de Portugal.