Un curso formará aos clientes na compra de produto fresco da Praza de Abastos

173

Hai xente que non se atreve a comprar peixe ou marisco na Praza de Abastos porque non sabe recoñecer a calidade e non diferencia o autóctono do foráneo. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, quere acabar con esta eiva para que todo o mundo perda o medo a mercar produto fresco.
Co obxectivo de seguir apostando pola Praza de Abastos como foco dinamizador do comercio local, a Concellería organiza un curso de formación para consumidores a cargo da cociñeira e divulgadora gastronómica Elena Argüello. A iniciativa conta co apoio da Asociación de Amas de Casa Rías Baixas, a Federación veciñal Castelao, Aempe e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
A iniciativa foi presentada hoxe por Carlota Román. A concelleira destacou que chegou o momento de completar un traballo de catro anos para a promoción da Praza de Abastos. Durante este mandato, lembrou, abordouse un proceso de regularización administrativa e de convocatoria de todas as vacantes do Mercado. Xunto con isto desenvolveuse unha política turística que puxo a este edificio en todos os circuítos da cidade. Realizáronse obras de mellora e actividades de formación das praceiras para introducilas nas novas tendencias e técnicas de venda. Finalmente, imprimíronse recetarios anuais con produtos da Praza e organizáronse actividades como “showcookings” ou a feira de Doces de Convento para atraer público. A día de hoxe, está xa redactada unha nova ordenanza municipal de Mercados e Feiras.
Agora pechamos o círculo indo directamente aos consumidores e incentivando que acudan á Praza, engadiu. Queremos axudar a remover calquera obstáculo mental que haxa. Sabemos que o público diario está formado maioritariamente por xente dunha certa idade e pensamos que é boa idea que todo o mundo poda coñecer o produto e valorar a riqueza e variedade da que dispoñen nas bancadas deste Mercado municipal.
O curso, que será completamente gratuíto, celébrase durante as tardes dos próximos días 15, 16 e 17 (mércores, xoves e venres) a partir das 18 horas, na Casa da Luz. A charla é dunha soa xornada pero ofrécese en tres convocatorias para maximizar as posibilidades de asistir. Hai en torno a 60 prazas. Falarase do peixe, os moluscos e o marisco que hai nas bancadas da Praza de Abastos e culminará cunha visita práctica á Praza de Abastos durante a mañá do sábado, día 18.
As persoas interesadas deben inscribirse canto antes na Casa da Luz (oficina de Turismo) porque as prazas son limitadas. Poden pasarse polas instalacións da praza da Verdura (en horario de atención ao turista, o que inclúe tamén os domingos pola mañá) ou chamar ao teléfono 986 090890.
Elena Argüello adestrará aos participantes en cuestións sobre como diferenciar o marisco galego e o foráneo, métodos de cocción, conxelación e desconxelación, elección entre femias e machos, peixe da ría e especies máis apropiadas para cada época do ano.
A cociñeira Elena Argüello leva toda a vida pegada aos fogóns. Rexentou durante 35 anos o restaurante pontevedrés Rúa. Nos últimos anos está orientada cara a docencia e ten participado en cursos en Xeve, Poio, Salcedo, Tomeza, Redondela, Chapela, Hío, Cangas, Domaio, Moraña, Campo Lameiro, Caldas de Reis, A Condesa, Briallos, San Clemente, Xustáns, Aguasantas, Porráns, Meis, San Andrés de Bea, Cambados, Ribadumia e, por suposto en Pontevedra. Ademais foi xurado de certames gastronómicos como a Festa da Tortilla en Chapela, o Caldo de Mourente, a Orella de Lérez, a Festa da Filloa en Pontevedra, e o Xarrete ao augardente de Campo Lameiro e outros moitos.