O ILES pecha a súa andaina coa convocatoria das últimas 15 prazas

226

Recta final do programa de formación e inserción laboral ILES, que impulsou a Concellería de Promoción Económica durante este mandato. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases reguladoras da última convocatoria.
A concelleira Carlota Román explicou que remata así un programa polo que terán pasado 330 persoas ao longo dos case catro anos, cun índice de inserción laboral en torno ao 50%. Un exemplo do traballo que pode facer un concello para loitar contra a lacra do desemprego, afirmou a responsable municipal. Collemos xente sen traballo e que precisaba actualizar a súa formación, dámoslle un curso de capacitación e despois xestionamos as prácticas en empresas. E non queda aí o noso labor, porque facemos un acompañamento, o que se chama un itinerario de inserción laboral, engadiu.
O boletín de información laboral PonteEmprego do próximo mércores publicará o anuncio para maximizar a difusión. Carlota Román recalcou que o boletín recibe case 100.000 consultas, polo que a difusión queda garantida.
Como sempre, nas convocatorias de inserción laboral que xestiona a Concellería de Promoción Económica, a porta de entrada son as oficinas do paro (Servizo Galego de Colocación). Os aspirantes deben expresar alí a súa vontade de participar no programa municipal. Todos os aspirantes remitidos serán sometidos a un proceso de avaliación por parte do equipo técnico do ILES.
Esta última convocatoria ofrecerá formación na especialidade de Atención á Infancia. Hai un total de 15 prazas. A formación total abrangue 365 horas das que a parte teórica desenvolverase en horario de mañá e as prácticas en horario de mañá ou tarde en función das necesidades das empresas colaboradoras.
Durante o proceso de selección, os candidatos serán puntuados conforme ao baremo incluído nas bases. Os criterios de puntuación son: estar empadroado en Pontevedra, non ter participado en edicións anteriores, ser muller, ter menos de 30 anos ou máis de 45, pertencer a un colectivo especial, estar á busca do primeiro, levar máis de dous anos no paro ou levar máis de cinco anos no paro. As persoas seleccionadas en función deste baremos terán unha entrevista persoal. Finalmente, realizarase a proposta de participantes.
A concelleira de Promoción Económica considera que a clave do éxito do programa municipal ILES está nunha rigorosa busca dos perfís máis axeitados, na calidade da formación e no acento nas prácticas. “Buscamos xente motivada para formala e empresas responsables nas que podan completar a súa aprendizaxe e, se é posible, quedar a traballar”, explicou.
O programa, que conta coa subvención do Fondo Social Europeo, inclúe o pago dunha beca de 15 euros por cada día lectivo, polo que, ademais de formarse e insertarse no mercado laboral, os participantes perciben tamén uns emolumentos.