Tonucci: “Pontevedra é unha cidade democrática”

178

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá ao pedagogo Francesco Tonucci que esta tarde presentará no Salón do Libro a súa obra “A cidade dos nenos” recentemente traducida ao galego pola editorial pontevedresa Kalandraka. Xosé Ballesteros, o seu director, acompañou esta mañá ao pedagogo na súa visita á Alcaldía.

O rexedor explicou que o Concello de Pontevedra ten unha “relación profunda e intensa” con Tonucci xa que ambos defenden a creación dunha cidade máis dinámica e cohesionada que ten como fío conductor os nenos.

Na súa visita Tonucci e o alcalde falaron da posibilidade de crear unha rede galega da cidade dos nenos, polo que esta tarde manterá unha reunión con representantes de distintos concellos galegos (Poio, Bueu, Carballo, Oleiros, Santiago) para iniciar a creación desta rede, que xa existe noutros países do mundo, en Galicia.

Tonucci recoñeceu que está ter a Pontevedra como referencia nas súas intervencións públicas polo mundo porque “en Pontevedra asumiuse a filosofía do proxecto da cidade dos nenos. Aquí fíxose con moita coherencia. Preparouse a cidade para que sexa máis democrática. O feito de elexir aos peóns por riba doutro tipo de mobilidade non é unha cuestión de moda nin sequera de saúde, é unha cuestión democrática porque todos somos peóns, e unha cidade que asume esto é, simplemente, unha cidade democrática”.