Pontevedra acolle 16 grandes competicións deportivas en 2015

275

A programación deportiva que impulsa a Concellería de Deportes durante este ano traerá á cidade a un mínimo de 50.000 persoas e xerará un retorno socioeconómico que superará os cinco millóns de euros. Así o afirmou o concelleiro, Agustín Fernández, durante a presentación oficial do calendario.
A principal novidade chegará este ano coa incorporación da Ximnasia Rítmica, pois Pontevedra organizará o Campionato de España por equipos e autonomías e, a continuación, a competición individual. Dous torneos que se celebrarán entre o 25 de xuño e o 5 de xullo e nos que se agarda a presenza de máis de 2.000 ximnastas. A outra novidade é o Campionato de España de Baloncesto Infantil Feminino, entre o 14 e o 20 de xuño, con case 500 xogadoras presentes.
Ao longo do ano, Pontevedra albergará 16 competicións ou eventos de rango nacional ou internacional.
Agustín Fernández destacou que o seu departamento encargou un estudo á Universidade de Vigo sobre o impacto do recente Campionato de España de Natación Máster. Con eses datos fará unha avaliación sobre a totalidade da programación municipal, tendo tamén en conta o “enorme esforzo” económico do Concello para facer posible esta programación.
O concelleiro afirmou que os sectores hoteleiro e hostaleiro da cidade terán que implicarse aínda máis no futuro, mesmo asumindo directamente o custo dalgunha competición, tal e como sucede noutras cidades. Ademais, anticipou que a Concellería de Deportes debe ir pensando tamén en apostar por eventos propios e con gran capacidade de atracción (o exemplo é o 4 Picos Bike&Trail) e depender cada vez menos da oferta das federacións nacionais. Ao tempo, propón incrementar o peso do deporte popular.
Por outra banda, Agustín Fernández subliñou o esforzo organizativo que supón albergar estes 15 campionatos nacionais nun ano no que se vai acometer unha obra da importancia da substitución da cuberta do Pavillón Municipal de Deportes, o que obriga a habilitar o Recinto Feiral para a Ximnasia Deportiva e os pavillóns do Príncipe Felipe, Universitario e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para Campionato de España de Baloncesto Infantil.
A listaxe completa de eventos nacionais ou internacionais é a seguinte:

  • Campionato de España Máster de Natación. Acaba de celebrarse este mes de febreiro.
  • Torneo Internacional San Patricio de Rugby. Marzo.
  • Open de España G1 de Taekwondo. Abril.
  • 4 Picos Bike&Trail. Abril.
  • Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de fútbol 7. Portero 2.000. Maio.
  • Campionato Ibérico de Orientación Deportiva. Maio.
  • Campionato de España de Maratón. Piragüismo. Maio.
  • Copa de España de Piragüismo 500 e 200 metros. Finais de maio.
  • Campionato de España Sprint de Triatlón. Xuño.
  • Campionato de España de Baloncesto Infantil Feminino. Xuño
  • Campionato de España de Aquatlón. Xuño.
  • Campionato de España de Equipos e por Autonomías de Ximnasia Rítmica. Xuño.
  • Campionato de España Individual de Ximnasia Rítmica. Entre finais de xuño e principios de xullo.
  • Campionato de España Sénior. Piragüismo. Xullo.
  • Torneo ITF de tenis junior. Outubro.
  • Open Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo. Entre finais de outubro e principios de novembro.