Pontevedra acudirá a convocatorias europeas para mellorar a Praza de Abastos ao quedar excluída das subvencións da Xunta de Galicia

69

A Mesa Local de Comercio, o órgano consultivo encargado de debater e informar as actuacións públicas sobre este sector, reuniuse hoxe na Casa da Luz baixo a presidencia da concelleira de Promoción Económica, Carlota Román.

O primeiro asunto tratado foi o informe favorable á undécima edición da feira de oportunidades Stock Pontevedra, que se vai celebrar no Recinto Feiral entre o próximo venres, día 6, e o domingo, día 8. Contará con 60 expositores (dous terzos deles de Pontevedra) e ofrecerá produtos de téxtil, peletería, complementos, calzado, decoración, antigüidades e óptica. Estará aberta de 11 a 21 horas e a entrada ten un prezo de 1,50 euros.

A Mesa tamén informou favorablemente as solicitudes de subvencións presentadas polas distintas asociacións empresariais locais. Neste punto, Carlota Román lamentou que a convocatoria das subvencións da Xunta de Galicia para mellora de Prazas de Abastos (DOG do pasado 23 de xaneiro) exclúe á cidade de Pontevedra, toda vez que as bases limitan as actuacións aos concellos de menos de 70.000 habitantes. Tamén hai unha liña para a mellora dos espazos onde se celebran feiras ambulantes, pero a convocatoria cínguese aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A concelleira indicou que tratará de paliar esta exclusión acudindo a liñas de subvencións dotadas cos fondos europeos Interreg e Feder, para o que se elaborarán solicitudes ben adaptadas ás bases das distintas convocatorias.

Carlota Román informou a continuación dos resultados da auditoría económica da Praza de Abastos correspondente ao ano 2014, que se saldou cun déficit de 222.473,70 euros, unha cifra que, recalcou a concelleira, obriga a seguir continuando o camiño emprendido cara á modernización deste espazo.

A concelleira explicou que quedou rematado o proceso de regularización administrativa de todas as concesións unha vez que se convocaron todas as vacantes. Agora estase a traballar na actualización da Ordenanza reguladora, que abrirá as portas á instalación de actividades complementarias no primeiro andar do edificio. Ata agora non se podía facer, explicou Carlota Román, e ese labor preparatorio que foi moi laborioso, quedará rematado.

A Concellería tamén explicou as actividades de promoción da actividade comercial emprendidas durante este ano polo seu departamento, entre as que destacou os obradoiros de formación en Comunicación, Redes Sociais e Márketing Online, o concurso de escaparates, o certame gastronómico “Pontedetapas” e a campaña para facilitar as compras de Nadal “Pontexogos”. Ao que sumou a decisión política de converter todos os premios dos concursos municipais en cheques regalo para o comercio local e a Praza de Abastos.

Finalmente, o presidente da Federación Provincial de Comercio anunciou a concesión dun premio ás concellerías de Promoción Económica e de Festas polo seu esforzo no apoio ao comercio local durante este ano.

A Mesa Local de Comercio foi constituída en decembro de 2011 polo Concello de Pontevedra en cumprimento da Lei de Comercio de Galicia. Trátase do órgano colexiado asesor da política municipal nesta materia. Está constituída por 17 membros entre os que figuran os grupos políticos e os técnicos municipais, un representante da Xunta de Galicia e representantes da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (Aempe), Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Asociación de Usuarios da Praza de Abastos, Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas, Federación Provincial de Comercio e Cámara de Comercio.