O Arxil e o equipo portugués do Olivais disputarán a 21ª edición do torneo de baloncesto Cidade de Pontevedra

104

Pontevedra comezará o ano deportivo con baloncesto. O Club Baloncesto Arxil e o Olivais de Coímbra disputarán a 21ª edición do Torneo Cidade de Pontevedra, que patrocina a Concellería de Deportes.

O torneo foi presentado hoxe polo concelleiro Agustín Fernández e a presidenta do club pontevedrés, Mayte Méndez. Durante o acto remarcouse o papel do Concello no apoio ao deporte local, especialmente á base. Fernández subliñou tamén que o deporte feminino, como factor de igualdade, constitúe unha das principais liñas de actuación do seu departamento.

O torneo Cidade de Pontevedra consistirá nunha serie de cruzamentos, en modalidade de ida e volta, entre as distintas categorías de Infantil, Cadete, sub-19 e Senior de ambos equipos.

Os partidos comezan mañá, sábado, día 3, no Pavillón de Maxisterio ás 16.00 horas. Alí cruzaranse os equipos infantís. Ás 18.00 horas, no Pavillón Municipal, será a quenda das sub-19 e, ás 20.00 horas, dos primeiros equipos. Ao día seguinte, domingo, a xornada comeza ás 12.00 horas no Pavillón de Maxisterio, cos equipos cadete. No Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva será ás 10.00 horas coas rapazas de Infantil. Ás 12.00 serán as Sénior as que pecharán a competición.

A entrega de trofeos comezará no Pavillón do CGTD ao remate do último partido.

O Olivais participa na Liga Feminina de Baloncesto de Portugal, na que rematou en cuarta posición.