O Plan de Emprego municipal refórzase con outros 51 traballadores, que se incorporarán a partir do día 15

69

Os últimos 51 traballadores que participarán no Plan de Emprego que impulsa a Concellería de Promoción Económica incorporaranse aos seus postos en torno ao próximo día 15 deste mes. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, en sesión extraordinaria, un suplemento de crédito de 60.000 euros ao programa, que alcanza así unha partida total de 210.000 euros.

A iniciativa responde ao último acordo adoptado polo Consello Económico e Social (o órgano consultivo no que están representados o Concello e os axentes sociais) para reforzar este programa, que chega así a un total de 181 traballadores.

A concelleira Carlota Román deu a benvida o pasado mes aos primeiros 130 participantes, que xa están incorporados aos seus postos. A responsable municipal subliñou o compromiso do seu departamento por botar unha man, na medida das súas posibilidades, no combate contra a crise económica. Explicou ademais, que o Concello viuse obrigado a xustificar o programa, que sae adiante reparos da Intervención municipal a causa da recente reforma legal que limita as competencias da Administración local, impulsada polo Goberno de España.

Carlota Román lamentou a precariedade das políticas activas de emprego a cargo da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, cuxa actividade en Pontevedra neste eido é absolutamente nula e mídese, unicamente, polas cousas que deixa de facer.

As persas becadas no Plan de Emprego, percibirán 375 euros mensuais por unha prestación a media xornada de catro horas, en horario de mañá ou tarde, e de luns a venres. A duración das becas é de tres meses. Ao non ter carácter de contrato laboral, son compatibles coa prestación por desemprego. Os beneficiarios deben estar empadroados en Pontevedra e ter máis de 18 anos.

As bases elaboradas dende a Concellería obrigan, como garantía de transparencia, a facer a selección a partir das listaxes remitidas polos Servizos Públicos de Emprego. Ademais esíxeselle ás empresas participantes, que non teñan despedido nin antes nin durante a realización das prácticas a ningún traballador que desenvolva funcións equivalentes.