“Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!”

78

Exposición sobre os 20 anos do Bravú, organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.

A noite Santos de 1994, nunha taberna de Viana, Chantada, naceu o bravú. Unha etiqueta creada polos propios músicos que serviu para bautizar o rock cantado en galego, magma vizoso que entón estaba a agromar por todo o país. Vinte anos despois cómpre lembrar o comezo desta aventura. Unha referencia cultural e unha proposta de traballo colectivo que as persoas máis novas teñen dereito a coñecer.

O bravú comezou sendo guitarra e distorsión, mais axiña estendeu o seu berro de vida por outros camiños. Nesta exposición recóllese ese proxecto de axitación xeral, alicerce dunha tradición, e tamén impulso creativo para os novos tempos.

Ademais do horario habitual do Pazo da Cultura, durante os días 5, 6 e 7 de decembro esta exposición estará aberta no horario do Culturgal.