Pontevedra estréase nas andainas de longa distancia pechando a Copa Galega da modalidade

89

As andainas, unha modalidade recreativa, pero con espírito deportivo, chega á programa da Concellería de Deportes de Pontevedra. A cidade incorpórase á Copa Galega de Andainas coa primeira edición de PonteAndar, un percorrido de 50 Km que aproveita a privilexiada paisaxe dos arredores e ofrece unha magnífica alternativa de lecer para este sábado, día 27.

A saída, que pecha o calendario das oito probas que este ano compoñen a Copa Galega de Andainas, está programada para as 08.30 horas no Pavillón Multiusos da Xunqueira. O trazado aproveita o Camiño de Santiago ata o salto da Barosa, sobe ata o monte Acibal, baixa ata o Pontillón do Castro, segue polos montes de Verducido e Lérez e volve ao centro urbano pola senda fluvial. Haberá tamén unha opción máis cómoda, de 20 Km para os que busquen un reto máis sinxelo. A chegada está prevista para as 20.30 horas.

O evento foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado dos directivos do club A Roelo Manuel Beloso e Segundo Querejeta e do presidente da Federación Galega de Montaña, Adolfo Puch.

Agárdase a participación dunhas 200 persoas. Aínda é posible inscribirse ata as 22 horas de mañá, xoves, no sitio www.aromon.es. As cotas de inscrición oscilan entre os 15 e os 10 euros en función da condición de federado ou socio do club A Roelo.

A andaina, que non é competitiva, inclúe cinco controis de paso con horarios máximos e mínimos establecidos para garantir que os participantes non corran nin vaian demasiado lentos. Todos os participantes deberán pasar nos horarios establecidos.

Un evento para todo tipo de público e, en palabras do concelleiro, “democrático” na medida en que pode estar ao alcance de case todo o mundo.