Pontevedra prepárase para acoller aos máis de 500 participantes no Campionato Ibérico de Raids

67

O raid tomará o protagonismo deportivo en Pontevedra durante esta fin de semana. A cidade acolle o o Campionato Ibérico de Raid, PontevedRAID 2014, no que se agarda a participación duns 500 deportistas españois e portugueses.

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou esta mañá a proba acompañado do presidente do Club de Montañeiros A Roelo, Manuel Veloso.

O Campionato Ibérico de Raid é a primeira das tres probas froito do acordo acadado entre a Concellería de Deportes e a Federación Española de Raid. Así, no ano 2015 celebrarase o Campionato Ibérico de Orientación a Pé, cunha participación estimada de 1.000 deportistas, e, moi posiblemente, xa en 2016, chegará o Campionato de España de Orientación, o que suporía a atracción doutros 2.000 deportistas.

Agustín Fernández cualificou este calendario como moi ambicioso e dobremente beneficioso, porque serve para referenciar a Pontevedra nun deporte que conta cada vez con máis participantes na medida en que consegue mesturar o esforzo físico con altos niveis de goce e contacto coa natureza.

Lembrou que Pontevedra acolle anualmente as probas dunha liga local Aromón, unha liga galega de Orientación e unha estatal, ademais doutras convocatorias, mesmo de rango internacional, que nacen do impulso do Club de Montañeiros A Roelo.

En canto ao Campionato Ibérico de Raid, as probas repártense entre mañá sábado e pasado mañá domingo. Está encadrado nas ligas española e portuguesa de raids de aventura. Terá un percorrido real de 175 Km, repartido entre cinco concellos e que permitirá coñecer o corazón das Rías Baixas.

Manuel Veloso explicou que cada equipo deberá decidir a ruta a seguir, pasando por máis de 150 puntos de control marcados no mapa,  tendo en conta a súa condición física, o seu nivel de orientación e as horas de corte das diferentes seccións ca única axuda dun mapa e un compás. Ao longo desta competición, cunha duración real en carreira de 17 horas e media, deberán practicarse ata seis especialidades deportivas: natación, bicicleta, escalada, kayak, carreira a pé e rappel.