Os colexios de Pontevedra inician o curso con normalidade ao estar rematadas a práctica totalidade das obras municipais

79

As obras de mantemento acometidas pola Concellería de Educación durante este verán están rematadas na práctica totalidade, polo que o curso escolar comezará a próxima semana con total normalidade. Así o destacou o concelleiro, Agustín Fernández González, durante a visita que hoxe efectuou ás novas beirarrúas do patio do colexio Xunqueira 1, a obra de maior importe e tamén máis demandada pola comunidade escolar. Agustín Fernández acudiu acompañado da concelleira non adscrita María Biempica, representante do Concello no Consello Escolar deste centro.

O concelleiro de Educación destacou que o investimento total durante este verán, “en obras que foron bastante máis alá da competencia legal do Concello”, ascendeu a 131.381,75 euros. Unha cifra, engadiu, perfectamente homologable á que se dedicaba mesmo con anterioridade á crise económica.

Trátase dun total de 20 obras repartidas polos 22 colexios que hai no municipio, o que indica a vontade desta Concellería de atender todas as necesidades na medida das nosas posibilidades económicas, explicou. De todas elas unicamente está pendente o forrado con elementos amortecedores dos piares do patio do colexio Xunqueira 2, que se realizará durante a semana próxima en horario vespertino.

Agustín Fernández subliña que Pontevedra conta cunha extensa rede de colexios de Educación Infantil e Primaria e algúns deles xa son bastante antigos. Non obstante, a política municipal de constante investimento nesta rede educativa pública permite que se atopen nunhas condicións moi aceptables.

No que atinxe ás novas beirarrúas do Xunqueira 1, indicou que permitirán solucionar o problema de acceso ao comedor escolar, situado na parte posterior do edificio, sorteando así os charcos que se forman nos días de choiva. Unha obra, recalcou o responsable municipal, que non era de competencia municipal, senón que correspondía plenamente á Consellería de Educación da Xunta de Galicia. De feito, o expediente foi rexeitado polo servizo municipal de Intervención e foi necesario tramitalo como unha mellora de accesibilidade.

Agustín Fernández destacou que a listaxe das 20 obras realizadas permiten solucionar definitivamente problemas derivados dos danos causados pola sarabiada do pasado mes de xaneiro, pero tamén un bo número de reparacións que foron priorizadas e pactadas coas respectivas comunidades escolares.