A carreira do Santiaguiño do Burgo estréase no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra

86

O barrio do Burgo acollerá o próximo día 25 de xullo a tradicional carreira do Santiaguiño do Burgo. A proba popular foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente da Asociación Santiaguiño do Burgo, José Antonio Sánchez (“Fis”), e os responsables da Sociedad Gimnástica, Ramón Touza e Pablo Díaz.

Agustín Fernández recalcou que estamos diante da estrea da carreira do Santiaguiño no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), posto que o ano pasado foi suspendida en sinal de duelo polo accidente de Angrois.

Trátase dunha pedestre chea de singularidades, porque o terreo é mixto (asfalto, terra e herba) e tamén porque transita por catro pontes: do Burgo, das Cabras, Magueiro e das Correntes, bordeando a antiga fábrica de Lacross e un entorno natural ao redor dos ríos Rons e Lérez.

A distancia é de 6,1 Km e Agustín Fernández enxalzou que a situación do arco de saída e chegada sobre a propia ponte do Burgo é unha clara aposta pola súa consolidación.

Para dar a coñecer o circuíto haberá tamén unha quedada o próximo luns, día 21, ás 20.30 horas. Ese mesmo día á media noite remata o prazo de inscrición na plataforma dixital de Championchipnorte.

Agustín Fernández aproveitou para comentar os datos finais de inscrición nesta segunda edición do CCCP, que conta con 269 corredores. O prazo rematou coa carreira PonteNoite do pasado mes de xuño. Estamos, por tanto, diante dun crecemento con respecto á primeira edición, cando foron 214. Non obstante, o concelleiro admitiu certa decepción porque, destacou, o CCCP debe achegarse moito aos 500 participantes para que sexa sostible e teña un futuro garantido.

Destacou que Pontevedra ofrece o único circuíto de Galicia no que unha inscrición de 35 euros permite participar en seis carreiras ao longo de todo o ano. Noutras cidades o circuíto consiste simplemente na acumulación dunha puntuación en probas individuais, nas que hai que irse inscribindo unha a unha. O custo total anual, por suposto, non ten nada que ver co de Pontevedra.

Falou tamén da posta en marcha da clasificación compensada (na que os atletas se agrupan nunha única lista e na que a clasificación se elabora a partir das táboas de compensación por sexos e idades da Asociación Internacional de Atletas Máster) e da clasificación por equipos (que deben estar integrados por deportistas de ambos sexos), así como da bolsa do corredor (valorada en 30 euros) entregada.

Non obstante, indicou que o maior motivo de orgullo está na oferta de inscrición gratuíta nas carreiras populares ás persoas sen traballo. Unha medida na que Pontevedra foi pioneira en Galicia. A día de hoxe non me consta que isto se estea aplicando en ningún outro circuíto, explicou Fernández.

Os desempregados participan sen custo algún nas carreiras indicando a súa condición na plataforma dixital de inscrición. Unicamente se lles require presentación de documento de demandante de emprego na retirada do dorsal. Ao remate da proba se lles devolve o importe da inscrición na súa conta bancaria. Agustín Fernández revelou que, no que vai de ano, tramitáronse 87 inscricións gratuítas e a tendencia vai en aumento. En San Brais correron gratuitamente 17 desempregados; en Monte Porreiro a cifra subiu a 24, e, finalmente, na Ponte Noite deuse participación a un total de 46 persoas paradas.

José Antonio Sánchez agradeceu a integración da carreira do Santiaguiño no CCCP porque, destacou, era cada vez máis difícil de organizar e puxo en valor a singularidade do percorrido. Lembrou que o trofeo ao gañador masculino estará dedicado a Fernando Vázquez Fontenla e á gañadora feminina á Asociación de Amigos do Camiño Portugués.

Pablo Díaz puxo o acento en que estamos diante da proba menos esixente do calendario porque é practicamente chan, polo que resulta idónea para introducirse no mundo da carreira a pé.