O Pavillón dos Deportes estrea a nova pista de xogo e prepárase para producir auga quente con caldeira de biomasa

81

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, visitou hoxe o Pavillón dos Deportes para valorar as actuacións recentemente realizadas e ultimar os preparativos para a substitución do sistema de produción de auga quente sanitaria. O edil subliñou que o investimento acumulado pola Concellería durante este mandato municipal na instalación deportiva estandarte de Pontevedra supera os 420.000 euros.

Fernández comprobou o resultado da reparación da pista de xogo, con adaptación ás normativas das distintas federacións deportivas, especialmente no que atinxe á práctica do baloncesto. A cancha, montada no ano 2001, foi lixada, pulida, vernizada e pintada con vistas ao Campionato de España Infantil de Baloncesto Feminino, celebrado a finais do pasado mes de maio. Agora, pasado o evento, rematouse a actuación coa instalación de grandes bandas azuis nos laterais coa lenda Pontevedra en grandes letras brancas. O investimento nesta mellora foi de 20.751,98 euros.

O responsable municipal falou co persoal sobre a inminente contratación das obras de substitución do sistema de produción de Auga Quente Sanitaria (AQS) para as duchas. Actualmente prodúcese pola mesma bomba de calor que proporciona calefacción, xunto cunha caldeira auxiliar de gasoil, o que incumpre a normativa actual.

O Instituto Municipal de Deportes vai investir 139.228,83 euros para instalar unha caldeira de biomasa, alimentada con pellets, na sala de máquinas e cumprir así todos os requisitos que garantan a continuidade da actividade, así como minorar o impacto ambiental da instalación municipal.

Por outra banda, mesmo ano procedeuse á mellora da cuberta dos catro ximnasios superiores, instalando o paneis translúcidos e mellorando a iluminación artificial, cun gasto que chegou aos 50.075 euros.

Durante a anualidade 2012 acometéronse como obras principais a substitución dos dous marcadores deportivos, cun gasto de 6.743,14 euros, e a nivelación dos corredores perimetrais principais, igualando completamente a superficie e evitando os tropezóns que se producían nos resaltes entre as lousas que compoñen o pavimento. A actuación custou outros 61.000 euros.

O relato de melloras no Pavillón Municipal conclúe coa aplicación de 1.800 metros cadrados de paneis interiores en todos os paramentos verticais do pavillón para garantir o illamento térmico e evitar a entrada de aire do exterior. Unha obra que deu uns resultados moi satisfactorios en mellora de confort e que tivo un custo de 143.000 euros.