35 persoas cultivarán a Horta urbana da Finca do Conde: 27 mulles e 7 homes

163

A Concellaría de Muller pechou o pasado 14 de xuño o prazo para presentar solicitudes para optar a un espazo na horta urbana da Finca do Conde, no barrio da Parda. O Rexistro xeral do Concello contabilizou un total de 35 solicitudes das cales 27 foron de mulleres e 7 de homes.
Todos os solicitantes disporán dun espazo na horta urbana da Finca do Conde a partir do 1 de xullo, cando a Concellaría ten previsión entregar os espazos a cada unha das persoas que o solicitaron. Esta entrega irá acompañada dun curso sobre agricultura ecolóxica que se impartirá por parte do Concello a todos os usuarios na mesma finca.
Logo de facer entrega das parcelas, quedarán sete espazos vacantes que serán entregados a todas as persoas que o soliciten por Rexistro Municipal e que cumpran as bases do concurso.
Cabe lembrar que a Concellaría puxo en marcha este proxecto tratando de priorizar ao colectivo de mulleres en risco de exclusión, e introducindo á asociación Xoán XXIII como encargada de crear a horta o que implicou a limpeza de boa parte da parcela, a creación dunha zona de estar con bancos e mesas, unha caseta para gardar os aparellos, entre outros labores. Agora, será a empresa “Feito”, a primeira empresa de inserción social do municipo a que fará labores de mantemento do espazo no que se atopa a Horta urbana durante os vindeiros meses.