A Concellería de Deportes reforza o programa do CCCP cun ciclo de conferencias para “aprender a correr”

77

O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) inclúe este ano un programa de formación teórica dirixida aos amantes do deporte e moi especificamente aos practicantes da carreira a pé.

A cita será tódolos xoves ás 20.30 horas. A primeira sesión está convocada para este mesmo xoves, día 12, na sede do Casino Mercantil e Industrial (praza de Curros Enríquez).

A idea viña sendo barallada hai tempo dende o departamento que dirixe o concelleiro Agustín Fernández, quen xunto cos técnicos do Instituto Municipal de Deportes, pensaban na necesidade de organizar un ciclo destas características dentro da aposta municipal pola promoción do deporte popular e a saúde. Naceu así este programa, que conta co patrocinio de GV Sports, Onfisioterapia, Surgimedi e Goleada.

Cada xoves, dous expertos falarán durante 20 minutos cada un sobre un aspecto relacionado co mundo da carreira a pé. A partir de aí, abrirase un coloquio de 30 minutos no que respostarán ás dúbidas dos asistentes.

O concelleiro Agustín Fernández insiste en que as charlas están dirixidas formalmente aos inscritos no CCCP, pero abertas a todos os practicantes do “running”. A entrada é totalmente libre.

Este xoves falarán José Manuel Pazos Rosales, profesor da Facultade de Fisioterapia, e José Luis García Soidán, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo. Falarán da “Utilidade e efectividade dos estiramentos e outros tratamentos fisioterápicos “ e de “Hidratación e dieta para o runner popular”.

O xoves, 26, será a quenda de Anxo Graña (GV adestradores) e Pedro Tomé (Goleada). Falarán sobre “Como adestrar? Planifica ata os teus descansos” e “Atopa a túa zapatilla”.

O ciclo afrontará entón un período de descanso ata o xoves 18 de setembro. Será entón a quenda de Hugo Ogando Berea (ON Fisioterapia) e Omar González Sampedro (adestrador do grupo de alto rendemento da Federación Galega de Triatlón). “As lesións do runner” e “Fíxate na túa técnica de carreira” son os epígrafes a tratar.

Finalmente, o xoves, 9 de outubro chegarán Fernando Huelin Trillo (médico do CGTD) e Jonathan Cancela (responsable de triatlón no CGTD). “Riscos cardiovasculares na carreira a pé” e “Non só é correr. Adestramento complementario para a carreira” serán os campos de coñecemento a tratar.