Aspace-Galicia, entidade social benéfica do Campionato do Mundo de Duatlón

74

A organización do Mundial de Duatlón, que acolle Pontevedra esta fin de semana, acordou nomear Entidade Social Benéfica do Campionato a ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral), entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo prioritario a mellora da calidade de vida e de atención das persoas afectadas de parálise cerebral na comunidade autónoma.
Coincidindo coa celebración do Ano Galego da Parálise Cerebral en 2014, a entidade está levando a cabo numerosas actividades de divulgación e concienciación sobre esta discapacidade entre a sociedade galega. Durante o Mundial de Duatlón disporá de dúas mesas informativas para achegar a realidade do colectivo ao que representa a todos aqueles que se acheguen ao Campionato. Estarán instaladas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e na festa de clausura do evento no Recinto Feiral.
Por outra banda, ASPACE-Galicia patrocinará a participación no Open PontealDU de dous deportistas con parálise cerebral, Aarón Ortiz e Antonio Jesús Martínez, para visibilizar as capacidades deportivas das persoas afectadas, así como para promover hábitos de vida saudables e  a participación en actividades deportivas normalizadas.