Os voluntarios comezan a recoller a equipación para o Mundial do Duatlón

68

A Oficina Municipal de Voluntariado para o Campionato do Mundo de Duatlón está a rematar o traballo de formación dos máis de 500 voluntarios que participan dende mañá a até o vindeiro domingo, 1 de xuño, na organización do Campionato do Mundo de Duatlón.
Esta mañá, os técnicos da Oficina realizaron o curso de formación obrigatoria no Centro Penitenciario de A Lama, xa que doce internos acompañados de 3 funcionarios participarán esta fin de semana (nas dúas xornadas) nos equipos de voluntariado.
Os técnicos trasladaranse o xoves até as instalacións da Brilat para continuar coa formación dos 150 militares que participarán como voluntarios, así como até a Escola Naval para dar a mesma formación a 17 militares.
O Campionato do Mundo de Duatlón xa está en marcha. De feito, dende mañá pola mañá a Secretaría do Campionato así como os puntos de información situados no Pazo da Cultura xa estarán atendidos, ademais de por membros da organización, por voluntarios.
Mañá pola tarde abre o Sport Info Center, no Pazo da Cultura, onde os voluntarios poderán pasar a recoller, até o venres en horario de mañá e tarde, a súa equipación: dúas camisetas, unha sudadeira, 1 chubasqueiro, 1 gorra e unha bolsa para a manutención, ademais das acreditacións.