O Mercantil acolle hoxe o curso de primeiros auxilios para o voluntariado do Duatlón

68

Os voluntarios que participan na organización e no normal desenvolvemento do Campionato do Mundo de Duatlón, que se celebrará o 31 de maio e 1 de xuño, teñen a súa disposición unha serie de cursos, obrigatorios e opcionais, que lles facilitará as ferramentas necesarias para realizar a súa labor.
No día de onte celebrouse o curso de turismo, ao que asistirón arredor de 50 voluntarios, e percorreron os espazos máis turísticos da cidade, e aqueles de especial interese para todos os que se acheguen á cidade polo campionato, como son lugares onde comer, a localización dos hoteis, farmacias, sitios de lecer…
Hoxe, día 22 , celébrase o curso de primeiros auxilios, impartido pola Cruz Vermella. Nel participarán máis de 50 voluntarios que coñecerán como previr accidentes, aplicar os procedementos e as técnicas máis axeitadas en autoprotección e soporte á asistencia sanitaria; tamén como identificar e resolver situacións de emerxencia vital. O curso impartirase no Casino Mercantil -debido as inclemencias metereolóxicas- a partir das 17h até as 19.30h, aproximadamente.
O derradeiro curso optativo celebrarase mañá no Casino Mercantil de 17h a 19.30h. Trátase dun curso de inglés que aportará facilidades na comunicación entre os voluntarios e os estranxeiros de fala inglesa. O curso vai ser impartido por unha filóloga que ensinará palabras técnicas e frases que poidan usar na vía pública, para amosar os espazos aos visitantes e o percorrido e fases do campionato.
Por outra parte, estase tamén a ultimar a formación dos voluntarios que pertencen a colectivos que participan na organización do campionato. Onte, na Escuela Naval Militar de Marín arredor de 20 voluntarios recibiron as derradeiras indicacións. Mañá, con inspectores de polícia e ás 10h, no cuartel da Brilat, a máis de 150 soldados que participan no dispositivo xunto a 17 xefes de sector que levarán o operativo a fin de semana.
O martes, 27 de maio, continuará a formación no Centro Penitenciario da Lama a 12 internos e 4 funcionarios de prisións a partir das 10h.
Entre os voluntarios participan estranxeiros como estadounidense da cidade de Denver, Colorado, e unha parella -familiares de competidores-, da República Checa, que queren formar parte da acción voluntaria do campionato.