A natación sincronizada de base ten unha cita en Pontevedra durante esta fin de semana

69

A piscina da Escola Naval Militar de Marín acolle este sábado, 24 de maio, a sexta edición do torneo Concello de Pontevedra de Natación Sincronizada. O evento, organizado polo club Natación Sincronizada Pontevedra, foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado da directiva do club (Teresa Pérez, Beatriz Montes e Enrique Virel) e o capitán de corbeta Francisco Olmo, en representación do centro castrense.

Este trofeo, que precede ao campionato galego de base, é unha moi boa oportunidade de competir con rutinas libres nas modalidades de equipos e combos nas cinco categorías existentes: escola, base I, base II, base III e base IV, cada unha delas en función das idades das nadadoras (entre os 6 e os 18 anos). As rutinas serán valoradas en función da execución, impresión artística e dificultade, segundo a normativa oficial da Real Federación Española de Natación (RFEN). Estímase que a participación estará preto das 250 deportistas.

Agustín Fernández destacou que a programación deportiva de Pontevedra non consiste só en grandes eventos, como o Mundial de Duatlón da próxima fin de semana. Boa proba disto é o trofeo de Sincronizada que deste mesmo sábado. Unha proba que está aberta ao público coa única salvidade de que o acceso á piscina realízase dende a porta da rúa Lameira. O concelleiro subliñou que son os clubs pontevedreses, co seu traballo diario, quenes manteñen o pulso do deporte local que é dinámico e vivo.

O torneo reunirá a sete clubs galegos que compiten a nivel autonómico, e mesmo nalgúns casos, nacional: Aguamarina Sincro, Sincro Coruña, Sincro Ourense, Portamiñá (Lugo), Acuatic Oleiros, Galaico Sincro e Sincro Pontevedra.

A competición comezará ás 12.00 horas e reanudarase, en xornada de tarde, ás 17.30 horas. Recibirán medallas todas as participantes e haberá trofeos aos tres primeiros equipos e combos clasificados en cada categoría.

O Club Natación Sincro Pontevedra agradeceu o apoio do Concello, da Escola Naval, da Universidade de Vigo (Facultades de Fisioterapia e Ciencias Sociais e Comunicación), a FEGAN, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva.