A Concellería de Deportes recibiu 175 solicitudes de subvencións dos clubs da cidade

86

O potencial da actividade deportiva en Pontevedra volveu quedar demostrado cos resultados acadados na convocatoria anual de subvencións por parte da Concellería de Deportes. Ao peche do prazo, o pasado luns, recibíronse un total de 175 solicitudes, por enriba das 159 concedidas na convocatoria anterior.

O concelleiro, Agustín Fernández, está satisfeito destes resultados que, ademais de demostrar o pulo deportivo pontevedrés, confirman o acerto de ter reorganizado o calendario das subvencións, que agora se convocan a principios de ano co obxectivo de pagalas na mesma anualidade. O obxectivo, explicou, é dobre: por un lado facer chegar antes os cartos aos clubs e, por outro, facilitar os trámites administrativos de execución dos orzamentos municipais, que non coinciden coas temporadas deportivas.

Outra das novidades é que os beneficiarios da liña de subvención anual á actividade federada poderán percibir un anticipo dun 30%, con xustificación “a posteriori”. O importe restante irase pagando a conta, factura a factura, o que tamén suporá un adianto considerable, pois ata o de agora non se libraba a subvención ata a xustificación da totalidade.

A Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes reunirase para aprobar a resolución definitiva unha vez que as solicitudes sexan estudadas e os clubs presenten toda a documentación adicional que se lles reclame.

A convocatoria de subvencións está repartida en tres liñas de apoio e totaliza 470.000 euros.

A primeira liña de subvencións apoia o deporte federado porque está dirixida a facilitar a participación en competicións oficiais da temporada 2013/2014. Está dotada cunha partida de 291.000 euros. Recibíronse un total de 68 peticións.

A segunda liña subvenciona a organización e desenvolvemento de actividades deportivas ordinarias ao longo desta anualidade. Está desglosada en competicións deportivas (no recollidas na primeira liña) e actividades puntuais de promoción deportiva. A dotación global é de 60.500 euros. O número de solicitudes ascendeu a 70.

A terceira liña apoia as Escolas Deportivas Municipais, cunha dotación total de 119.500 euros. Está, á súa vez, subdividida no Programa de iniciación deportiva para nenos e nenas en idade escolar, o Programa de centros escolares das parroquias (iniciación deportiva) e, finalmente, o Programa para grupos especiais (persoas con discapacidade, terceira idade, etcétera). Os clubs presentaron outras 37 solicitudes para este apartado.