Os ximnasios e a pista cuberta de atletismo do primeiro andar do Pavillón Municipal dos Deportes están operativos novamente dende hai algunhas semanas para a práctica deportiva. Un investimento de 50.075,25 euros permitiu substituír todos os elementos danados pola saraiba a finais do pasado mes de decembro.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, visitou hoxe as obras de emerxencia acometidas na cuberta. Estivo acompañado por técnicos municipais e da empresa “Ediserpo”.
Na visita comprobouse que as cubertas foron completamente reparadas despois de que as “pedras” de xeo caídas durante os días 24 e 25 de decembro pasados a causa do temporal “Dirk” abriran furados que, por mor das fortes choivas daqueles días, facían imposible a utilización desta parte das instalacións.
Fernández destacou que os catro ximnasios, situados nas esquinas do Pavillón, xunto coa pista de atletismo de 60 metros son imprescindibles e que, gracias á contratación das obras polo procedemento de emerxencia, se minimizou o período de peche forzoso.
As obras consistiron no levantado das pranchas danadas pola sarabiada e a súa substitución por paneis translúcidos de policarbonato, polo que os ximnasios gañaron moita luminosidade. Tamén se impermeabilizaron os canalóns e seláronse xuntas. Os ximnasios gozan tamén dunha nova iluminación artificial porque foron substituídas as lámpadas e colocáronse cinco novas luminarias led en cada un dos ximnasios.
Na cuberta da pista de atletismo cambiáronse todas as pranchas de poliéster Neste caso non foi necesario optar por pranchas translúcidas, pois a pista está totalmente cuberta por un falso teito. De tódolos xeitos, aproveitando as obras, renovouse completamente a iluminación artificial nesta zona, con colocación de lámpadas led de baixo consumo.