A Concellería de Deportes concede 60.000 euros en subvencións aos clubs por organización de actividades

60

O apoio da Concellería de Deportes á organización de actividades deportivas na cidade volveu quedar demostrado coa sinatura dos convenios de colaboración cos sete clubs que organizan actividades singulares ao longo deste ano 2014.

O acto, celebrado hoxe no Concello, contou coa presenza do concelleiro e presidente do Instituto Municipal de Deportes (IMD), Agustín Fernández, e os presidentes dos sete clubs e entidades deportivas.

A contía total das subvencións alcanza os 60.000 euros e están repartidos do seguinte xeito:

  • Club de taekwondo Mace Sport: 7.000 euros pola organización do Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra.

  • Sociedad Gimnástica de Pontevedra: 10.500 euros, polo Medio Maratón de Pontevedra.

  • Club de fútbol Portero 2000: 8.000 euros pola organización do torneo Internacional de Fútbol 7 benxamín cidade de Pontevedra.

  • Federación Galega de Piragüismo: 8.000 euros, polos campionatos galegos de inverno de C-1 e K-1 e de C-2 e K-2; Campionato Galego de Pista senior, junior e cadete e o Campionato Galego de Pista infantil.

  • Club de natación Galaico: 10.500 euros, polo Trofeo Promesas do Lérez, o Campus a Nadar Todos e as 12 horas de Natación

  • Escudería Ciudad de Pontevedra: 8.500 euros pola montaxe da Subida Cidade de Pontevedra.

  • Club de baloncesto Arxil: 7.500 euros pola organización do Día do Baloncesto 3×3 na Rúa e o XX Torneo Cidade de Pontevedra.

Agustín Fernández destaca que con esta liña de axudas apóianse actividades puntuais extraordinarias, de interese público tanto polo nivel deportivo como polo número de participantes e/ou espectadores. Trátase de facer posible que os clubs organicen eventos deportivos que non só destaquen polo seu nivel competitivo, senón que sirvan tamén para complementar a oferta turística e dinamicen a economía da cidade.

O concelleiro destacou que trátase de eventos deportivos que se desenvolven fóra da programación habitual dos clubs e que teñen unha compoñente de interese público que xustifica o apoio directo dende a institución municipal.

Agustín Fernández aproveitou a comparecencia dos presidentes dos clubs para anunciar que a Xunta Rectora do IMD do próximo luns aprobará as bases que rexerán a convocatoria das subvencións anuais nas tres liñas habituais: actividade federada e competitiva, escolas deportivas municipais e organización de actividades de promoción deportiva.

As subvencións anuais, de acordo cos novos requisitos legais en materia orzamentaria, convocaranse e pagaranse por primeira vez na mesma anualidade, superando así a tradición no Concello de facelas coincidir cos ciclos das temporadas deportivas, isto é, pagar ao ano seguinte as axudas da convocatoria do anterior.

Fernández destaca que, a pesar da crise económica, a Concellería de Deportes manterá o esforzo para garantir o mesmo orzamento para o apoio ao deporte pontevedrés.