A praza de España acolle a festa galaico-irlandesa do San Patricio da man do Mareantes Rugby Club

53

A praza de España acollerá entre os próximos mércores, 19, e domingo, 23, o cuarto Festival Galaico-Irlandés San Patricio. A iniciativa, que foi presentada hoxe, é do Mareantes Rugby Club Pontevedra e conta co apoio das concellerías de Deportes e Turismo.

Na presentación participaron os concelleiros de Turismo, Carlota Román, e Deportes, Agustín Fernández xunto con Eloy Díaz Artime e Pablo Irago, directivos do club e os hostaleiros colaboradores Óscar Sorey e Belén Gómez.

A concelleira Carlota Román felicitou ao Mareantes por optar por esta fórmula alternativa para financiar o club e tamén pola iniciativa deste ano de involucrar aos hosteleiros locais na oferta gastronómica da festa. Aproveitou tamén para anunciar que os peluches viaxeiros do loro Ravachol, que dan pé a varias campañas nas Redes Sociais, sumaranse á festa. Agustín Fernández puxo o acento sobre a mestura entre deporte e turismo que se está a producir en Pontevedra durante este mandato municipal. Recalcou que a festa de San Patricio está xa consolidada e aplaudiu a idea de incluír na programación unha actividade escolar de introdución ao rugby. Será o xoves, ás 10.30 horas, na avenida de Montero Ríos, na modalidade de “rugby-finta” (sen contacto).

A carpa da praza de España pretende converterse nun recinto lúdico apoiado nos piares das gastronomía, turismo, cultura e o deporte. A animación estará a cargo do trío irlandés Coverstone e outros grupos locais.

A oferta gastronómica chegará cunha mistura de cociña galega e irlandesa. Haberá tamén oferta variada de bocadillos e as achegas gastronómicas de tres establecementos colaboradores do club: Taberna Zentola (que presentará unha oferta baseada nas tostas da súa carta), Sidrería Montañés (chourizo á sidra e patacas ao Cabrales) e “Tintanegra”, de Combarro, (croquetas de terra e mar).

A carpa estará aberta en horario de 12.30 horas a 00.00 horas. Cada día están programadas unha manchea de actividades que pode consultarse na web do Mareantes ou no seu perfil de Facebook.

A organización agarda superar a cifra dos 4.500 litros de cervexa vendida na última edición. Os prezos mantéñense entre os 3 e 3,50 euros o medio litro segundo a marca.

A recadación da festa irá destinada, na súa maior parte, a financiar o renacemento do equipo feminino.