Pontevedra se integra no primeiro circuíto galego de carreiras populares de Cross Country

35

Pontevedra reforza a súa aposta polo deporte popular. Á posta en marcha do Circuíto de Carreiras Populares en ruta, únese agora a integración da cidade na primeira edición do circuíto galego de carreiras populares de Cross Country (campo a través).
O circuíto de cross nace para encher un baleiro nunha modalidade de carreira que, ata o de agora, está monopolizada polo deporte federado. Está patrocinado pola empresa Championchip Norte e constará de catro probas repartidas polas provincias de Pontevedra, Lugo e A Coruña.
A presentación galega desta iniciativa tivo lugar hoxe en Pontevedra con presenza do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o responsable da empresa organizadora, Javier Romay.
O circuíto arranca o próximo domingo, 2 de febreiro, en Vilalba co cross da Madalena. Pontevedra acollerá a segunda proba do calendario, o día 23 de febreiro cun percorrido pola Illa das Esculturas. O 2 de marzo será a quenda  do concello de Lugo (Recinto Feiral). Finalmente, o 9 de marzo pecharase coa proba do piñeiral de Cabanas, neste concello coruñés.
Agustín Fernández destacou o orgullo desta nova demostración de apoio ao popular, que ofrece unha nova variante para os amantes da carreira sobre pistas de terra e herba.
Javier Romay recalcou que había unha demanda de crear un circuíto de cross especificamente destinado aos corredores populares. Segundo os datos da súa empresa, só en torno a un 10% e un 20% dos participantes nas carreiras en ruta están federados. O circuíto está deseñado con percorridos curtos, duns 4 Km e sen excesiva dureza, moi revirados e completamente estacados e delimitados con cinta. Os participantes necesitarán zapatillas de trail e, nalgúns casos, de cravos.
Romay destacou que o cross é unha disciplina épica que, de seguro, atraerá a un bo número de corredores, polo que a aposta por este primeiro circuíto galego popular manterase a medio prazo.
As inscricións pódense facer tanto individualmente como para cada proba.