Search
Close this search box.

O alcalde leva a Bastia o modelo de Pontevedra

Pontevedra participa esta tarde (a partir das 18.30 horas) nunha xornada europea da mobilidade, que se celebra na cidade corsa de Bastia, onde se queren estudar distintos modelos de mobilidade e recoller experiencias que sirvan para facer unha Bastia mellor.
A esta xornada están convidados o alcalde de Pontevedra que falará da nosa cidade baixo o título “Una vila para convivir todos xuntos”, os directores asociados de Intermodes Nathalie Léclerc e François Gigot, e Astrid Mayer, voceira do Ecoquartier Vauban de Friburgo, barrio de referencia internacional en materia de ecoloxía, referente á circulación e ao estacionamento.
Neste contexto o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores fará unha pequena intervención sobre Pontevedra, que se presentará aos asistentes a través dun vídeo en francés (
http://youtu.be/_BAdOFufjhY ), e logo someterase ás preguntas do público asistente.
O alcalde explicará brevemente que “no ano 1999, cando fomos elixidos para gobernar a cidade, dispoñiamos de escaso espazo público para as actividades cidadás. Os vehículos invadían toda a cidade. Consideramos o dilema: ou coches, ou persoas. Para gañar espazo para as persoas, resultaba imprescindible restrinxir o uso do vehículo privado. Queriamos que a cidade recuperase a vitalidade económica, especialmente nos ámbitos comercial e administrativo. Por esa razón, só poden circular os coches necesarios para a actividade económica e o servizo dos residentes.
O resto de vehículos teñen que gardarse nos garaxes, nos estacionamentos especiais situados a dez minutos camiñando ao centro da cidade, ou en áreas de servizos, nas que é posible aparcar gratuitamente en superficie durante 15 minutos.
Deste xeito calmamos o tráfico, somos a primeira cidade da península ibérica -e probablemente de Europa-, con límite a 30km/h en toda a cidade, eliminamos as mortes por accidentes, a sinistralidade á metade, logramos que case o 70% dos desprazamentos se realicen a pé, e promovemos que os nenos vaian camiñando á escola.
Como o fixemos? Sobre todo, con valentía política, con gañas de cambiar as cousas, sen deixarnos levar polas inercias máis comúns. Cunha acción de goberno coordinada, onde a mobilidade é o centro da política municipal. Con participación cidadá, apoiándonos nos sectores máis dinámicos, vencendo os comprensíbeis temores iniciais dalgunhas persoas.
É importante resaltar que cada cidade debe buscar o seu modelo, a súa maneira de converterse nun entorno de calidade, de converterse nun lugar no que mereza a pena vivir. Está é só a nosa experiencia, e estou encantado de amosala a todo o mundo que a queira coñecer.

Compartir publicación: