Pontevedra será a referencia ibérica do deporte da Orientación durante os próximos tres anos

86

A cidade de Pontevedra acollerá durante os próximos tres anos importantes competicións no deporte da Orientación que a converterán na referencia deste deporte en toda a Península Ibérica.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, celebrou esta mañá unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Orientación, Alberto Arufe, da que saíron acordos moi positivos. Asistiu tamén o presidente do Club de Montañeiros A Roelo, Manuel Veloso, que ten traballado moito para facer posible este acordo.
Pontevedra acollerá o Campionato Ibérico de Raid, a celebrar en setembro de 2014, e cunha participación estimada de 500 deportistas españois e portugueses. No ano 2015 celebrarase o Campionato Ibérico de Orientación a Pé, cunha participación estimada de 1.000 deportistas. Finalmente, ambas partes están tratando de acadar tamén o Campionato de España de Orientación do ano 2016, o que suporía a atracción doutros 2.000 deportistas.
Agustín Fernández amosou o seu agradecemento á Federación Galega por ter colaborado co Concello de Pontevedra nun calendario que cualificou como moi ambicioso e que vai supoñer, á parte dun gran prestixio para Pontevedra nesta especialidade deportiva, un impacto socioeconómico de primeiro nivel.
Fernández lembrou que a cidade ten xa unha gran tradición en Orientación, pois en 2005 acolleu o Campionato de España e en 2007 foi a sede da primeira edición do Campionato Ibérico de Raid.
Destacou que trátase dun deporte en franca expansión, apto para toda a familia, que combina moi ben os aspectos lúdicos e competitivos, e que encaixa como anel no dedo na privilexiada contorna natural da Capital das Rías Baixas.
Por outra parte, subliñou o legado que este tipo de competicións deixan, pois implican a elaboración de novos mapas que, á súa vez, propician outro tipo de probas e competicións.
Hai que lembrar que Pontevedra acolle anualmente as probas dunha liga local Aromón, unha liga galega de Orientación e unha estatal, ademais doutras convocatorias, mesmo de rango internacional, que nacen do impulso do Club de Montañeiros A Roelo.