O club Xadrez Pontevedra e o Casino Mercantil manteñen vivo o recordo de Ramón Escudeiro Tilve

58

A segunda edición do torneo Open Internacional de xadrez Memorial Ramón Escudeiro Tilve celebrarase nas instalacións do Casino Mercantil e Industrial durante esta semana. As partidas comezarán o mércores, día 4, e o domingo, día 8, premiarase aos gañadores.
O torneo, que mantén viva a lembranza do mozo pontevedrés que, a pesar da súa cegueira destacou na práctica do xadrez e o judo, foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente presidente  do Mercantil, Roberto José Vega, e o do club Escola Xadrez Pontevedra, Daniel Rivera.
Agustín Fernández subliñou que Ramón “é unha boa persoa, e digo que é porque o seu exemplo e os valores que representa seguen vivos entre nós”. Roberto Vega cualificou como “un orgullo” poder acoller un torneo destas características. Finalmente, Daniel Rivera destacou o rango internacional dun torneo no que participan xogadores chegados de distintos puntos de España e Portugal, incluíndo unha ampla delegación da ONCE.
O concelleiro de Deportes aproveitou tamén o acto para felicitar ao club pontevedrés por terse proclamado campión galego cadete por equipos. O equipo estará estes días no Campionato de España, que se celebra en Benidorm, o que lle impedirá participar no torneo na memoria de Ramón Escudeiro.
O torneo xógase polo sistema suízo a sete rondas. Os emparellamentos serán decididos por un sistema informático homologado. O ritmo de xogo será de 90 minutos máis 30 segundos de incremento por xogada.
Os horarios son os seguintes: mércores, primeira ronda ás 18.00 horas; xoves, segunda ronda ás 18.00 horas; venres, terceira ronda ás 10.00 horas e cuarta ronda ás 17.00 horas; sábado, quinta ronda ás 10.00 horas e sexta ás 17.00 horas. A última e sétima ronda será o sábado ás 17.00 horas. A entrega de premios, o domingo, ás 14.00 horas.
A organización mantén o “streaming” para poder contemplar as partidas en directo a través da Internet, no sitio www.xadrezpontevedra.com.
O torneo reparte 1.125 euros en premios entre os sete primeiros clasificados.
Ramón Escudeiro Tilve (alcumado Ramón E.T.), cego dende os dous anos, faleceu o en xullo de 2012. Da súa valía dá conta o feito de que foi quen de disputar varias simultáneas  de xadrez e chegou a colgarse a medalla de bronce no Campionato do Mundo junior de Judo para cegos. O seu repentino pasamento, cando só contaba con 20 anos, impediulle cumprir o seu soño de participar nos Xogos Paralímpicos de Río de Xaneiro, en 2016.