As mellores parellas de baile deportivo de España e Portugal competirán este domingo en Pontevedra

72

O Pavillón dos Deportes de Pontevedra acolle este domingo, 1 de decembro, a XIII edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de Baile Deportivo. Unhas 120 parellas de España e Portugal ofrecerán un espectáculo que fará as delicias dos afeccionados a esta modalidade.

O evento está organizado polo Club de Baile Deportivo Pasos-Bailegalicia e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra. As entradas custan 6 euros (os maiores de 65 anos pagarán tres euros e os nenos menores de 12 anos, gratis). A actividade comezará ás 13.00 horas e as mellores parellas comezarán a bailar a primeira hora da tarde.

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou hoxe o Trofeo acompañado do presidente do club, Miguel Abreu, e a parella composta por Adrián Esperón e Patricia Martínez. O edil subliñou que trátase dunha das últimas competicións dun ano moi intenso. Quixo tamén destacar o papel que está a xogar Pasos-Bailegalicia e animou ao público a acudir ao Pavillón.

O Trofeo Cidade de Pontevedra é puntuable para o Ranking Nacional da Federación Española de Baile Deportivo nas modalidades de Standard (Vals Inglés, Tango, Vals Vienés, Slow Fox e Quickstep) e Latinos (Samba, Cha-cha, Rumba, Pasodoble e Jive).

Como participación máis destacada estarán os actuais campións absolutos de España Standard e 10 Bailes, Adrián Esperón (Pontevedra) e Patricia Martínez (Mos), do Club Pasos-Bailegalicia. Adrián e Patricia veñen de conseguir o pasado 23 de novembro en Kiev (Ucrania) a mellor clasificación da historia de una parella española nun Campionato do Mundo de Bailes Standard (24º posto).

Adrián e Patricia subliñaron que para eles é moi importante bailar en Pontevedra, rodeados da súa xente. O ano pasado faltaron a esta cita, ao coincidir co Campionato do Mundo e, desta volta, apuraron o seu paso por Ucrania para poder comparecer.

A competición divídese en dous bloques (Standard e Latinos) e tamén categorías de nivel que van dende a categoría H, G e F (categorías de iniciación), logo 1ª e 2ª Territorial, C, B, A Nacional e A Internacional (van puntuando polos resultados obtidos e subindo de categoría). Ademais as parellas se separan por grupos de idade (Benxamín, Xuvenil, Junior, Youth, Adulto e Senior)

O Baile Deportivo é un espectáculo moi atractivo para o público e que está a dar pasos para a súa integración nos Xogos Olímpicos. Actualmente é una disciplina que participa nos World Games, nos que atrae as maiores cantidades de público e acada maiores audiencias de televisión.


 

Máis información:

www.bailegalicia.net