A Banda de Música de Salcedo celebra co Concello o premio á mellor de Galicia

37

Pontevedra pode presumir da mellor banda de música de Galicia: a de Salcedo. Os seus máximos representantes celebraron hoxe na Casa do Concello o título acadado no VII Certame Galego de Bandas, celebrado a pasada fin de semana no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.
Unha representación, encabezada pola vicepresidenta da Asociación Músico-Cultural San Martiño, Mónica Hermida; o director da banda, Alfredo Sánchez e o director da Escola de Música, David Abal, ofreceu hoxe o diploma a todos os pontevedreses. Foron recibidos pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e o concelleiro de Educación, Agustín Fernández.
A Banda de Salcedo ofrece mañá, sábado, un concerto gratuíto no Pazo da Cultura, a partir das 20.30 horas. Será un acto emotivo no que se renderá homenaxe aos directores que pasaron pola agrupación nos últimos 25 anos e tamén aos seus músicos. Ofrecerán un programa para a ocasión rematado polo pasodobre Salcedo.
Os actos deste 25º aniversario rematarán o domingo, 8 de decembro, cun concerto da Banda Xuvenil de Salcedo no Teatro Principal, a partir das 20 horas.
Anxos Riveiro manifestou o orgullo do Concello por contar cunha banda do prestixio da de Salcedo. Agustín Fernández subliñou que non se trata só da banda da parroquia de Salcedo, porque leva o nome de Pontevedra alá por onde pasa. Ao tempo lembrou o gran labor educativo que fai entre os rapaces.
Mónica Hermida dedicou o premio aos pais dos músicos da banda, así como aos socios que fan posible que siga a existir e, moi especialmente, ao director. Alfredo Sánchez recalcou que o galardón é o froito de moitos meses de traballo, o que se traduciu non só nunha gran calidade de son, senón tamén nunha magnífica imaxe e a capacidade de emocionar. Finalmente, David Abal lembrou o esforzo que supón manter unha Escola de Música, auténtica “canteira” da Banda, xunto cunha Banda Infantil, outra Xuvenil e unha Coral Polifónica.